RADIO.- Crearon un 'shortfilm' da Galicia celta e xa é unha experiencia turística de proxección internacional

Pontevedra
30 de outubro 2020

Marcos Redondo e Miguel González están detrás do proxecto 'Galicia the celtic mother land' que pasou de ser un audiovisual de tres minutos a unha experiencia turística que poderá vivirse xa en 2021 como contaron en PontevedraViva Radio

Miguel González e Marcos Redondo nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio
Miguel González e Marcos Redondo nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

O pontevedrés Marcos Redondo atopou durante os meses de confinamento o momento idóneo para materializar unha necesidade interna: plasmar o inxente patrimonio celta, castrexo, galaico - calquera dos apelativos é válido -, de Galicia. A súa actividade profesional, como tantas outras se freou en seco, de forma que comezou a darlle forma a este proxecto persoal.

A ese propósito sumouse Miguel González que agora é o seu socio en 'Galicia the celtic mother land' e co que falamos nas Conversas na Ferrería. Hai outros dous nomes propios pontevedreses que deixan de forma evidente o seu sinal e o resultado final do audiovisual que gravaron durante o verán: o piloto de drons Diego Matellán e Alex Rodríguez ou Alex Timelapse.

Cantís, castros, petróglifos, bosques, fervenzas, ceos estrelados, ... todo é o sur de Galicia - por agora -, o seguinte audiovisual mirará ao norte galego. Un 'shortfilm' de tres minutos que conduce a unha terra "da que partiron os barcos que conquistaron Irlanda 1750 anos A. C." e da que falan os manuscritos do Lebor Gabála Érenn.

O pasado setembro presentaron publicamente este traballo. Non lles deu tempo a dar o seguinte paso: a empresa Viaxes Inter Rías propúxolles convertelo nunha experiencia turística, adaptada ao momento actual. "Experiencias para vivir o momento presente e que sexa tamén unha cura coa alquimia desta terra", explican en PontevedraViva Radio.

'Galicia the celtic mother land' sairá este mes de novembro ao mercado en máis de oito mil puntos de venda e tamén participará nas cinco principais feiras europeas de turismo. En 2021 pasará das pantallas á realidade.