RADIO.- Covid-19 e plasma convalecente: "non prexudica, nuns enfermos ten maior ou menor efecto, pero non causa maior trastorno"

31 de agosto 2021

No podcast 'Mentres isto dure' de PontevedraViva Radio fala Carlos Areal, responsable da área de sangue e compoñentes sanguíneos de ADOS sobre unha alternativa terapeútica no tratamento da covid-19: a transfusión de plasma convalecente

Bolsas de plasma extraídas mediante aféreses
Bolsas de plasma extraídas mediante aféreses / Mónica Patxot

O tratamento de persoas enfermas de covid-19 con plasma convalecente leva facéndose en Galicia desde o ano pasado, cando se iniciou un estudo en colaboración con ADOS, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia. Ata a data, aproximadamente oitenta pacientes beneficiáronse destes tratamentos, segundo expón Carlos Areal, responsable da área de sangue e compoñentes sanguíneos de ADOS no podcast de PontevedraViva Radio.

O plasma convalecente é un plasma que se obtén mediante aférese de doantes que tiveron unha proba covid positiva e consecuentemente desenvolveron a enfermidade aínda que fose de forma asintomática. Nalgúns ensaios tamén se transfusiona globulina hiperinmune, que é "unha globulina obtida a través dun fraccionamento industrial, como un medicamento obtido do plasma sanguíneo destes doantes".

Este ensaio que se desenvolve en Galicia non é único, de feito iniciáronse centos de estudos dos que se extraeron conclusións máis ou menos satisfactorias sobre a efectividade do uso do plasma convalecente ou a globulina hiperinmune.

"Hai moitos estudos pero non un gran estudo que aglutine todos os ensaios que se fixeron. Tense a convicción que non prexudica, nuns enfermos ten maior ou menor efecto, pero non causa maior trastorno" e engade en 'Mentres isto dure' que "a trasfusión de plasma convalecente non ten practicamente efectos adversos máis aló que os habituais dunha trasfusión de plasma".

Nesta "alternativa terapeútica xa se empeza a albiscar un efecto positivo na fase pre UCI, porque cando o enfermo entra nunha fase de gravidade extrema é máis difícil que resulte útil". No que refire ao doante dese plasma é indispensable que pasase a covid-19 porque transmite unha inmunidade pasiva máis eficaz" e tamén son posibles as súas doazóns unha vez que fosen vacinados.