RADIO.- Conversas na Ferrería: 'Trece Amarillo', audivisual con éxito desde Marín

Pontevedra
13 de setembro 2019

Comezaron sendo estudo de produción musical; desde hai ano e medio e desde Marín dedícanse ao sector audiovisual, para entidades ou eventos públicos, privados e institucionais. E non só iso. Charlamos en PontevedraViva Radio con 'Trece Amarillo'

Diego Santaclara e Diego Muñoz de 'Trece Amarillo' nas Conversas na Ferrería
Diego Santaclara e Diego Muñoz de 'Trece Amarillo' nas Conversas na Ferrería / PontevedraViva

"Todo empezou cunha cámara". Dous adolescentes marinenses e "uns amigos que facían rap e querían un videoclip". Daquela Diego Santaclara Ferradás e Diego Muñoz Barcia non eran Trece Amarillo e aquel "experimento" prefiren non rememoralo. Ambos estudaron Imaxe e Son en Vigo e Coruña. E de novo o rap foi a ponte para chegar a Trece Amarillo. Primeiro como produción musical e logo tamén realización de vídeo e fotografía.

Non fai tanto daquilo, ano e medio. Neste tempo, sorprende comprobar o volume de proxectos que xa levan na mochila e as empresas coas que, ou para as que traballaron. Proxectos para todo tipo de eventos, públicos, privados, institucionais e aínda lles quedou tempo para sacar adiante propostas saídas da súa creatividade, como Life ou Savia Nova.

Tampouco se apartaron da música. Ademais de festivais, fixeron videoclips de Satxa, Rave Swone, Basti, Mek ou Tanxugueiras. Punk, metal, rap, trap, folk... "non nos pechamos a nada" din nestas Conversas na Ferrería. Ollo aos emprazamentos naturais galegos, ou ás bandas galegas... serán parte dun dos seus plans a curto prazo. 

Con eles charlamos tamén en PontevedraViva Radiodo sector audiovisual no que se moven. "É moi complicado vivir deste sector en Pontevedra e por extensión en Galicia", e "tampouco é o mesmo falar de ficción que non ficción". E falamos de emprendemento, que a final de contas é o que fixeron eles, "deixándonos o lombo" iso si.