O Exército de Terra completou este mes de setembro por quinto ano consecutivo, no Grove, a fase de prácticas de navegación previas á Campaña Antártica 2019-20. Durante a súa estancia nas Rías Baixas, membros do continxente que viaxará a Isla Decepción acompañáronnos de novo en PontevedraViva Radio.
Charlamos co comandante Joaquín Núñez, xefe desta campaña que partirá aproximadamente o 5 decembro; coa capitá veterinaria Marina Sánchez e co sarxento primeiro Tomás Zamora, da área de Instalacións. Para os dous primeiros será a súa primeira participación, mentres que para o sarxento será a segunda. Tamén está presente o comandante da Brilat, Roberto Domínguez.
Nesta trixésimo terceira campaña do Ministerio de Defensa, en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, participan trece militares que prestarán apoio aos investigadores que desenvolven alí os seus proxectos científicos. Proxectos que por exemplo evidencian os cambios climáticos, como a temperatura do permafrost - o chan que permanece conxelado -, ou a migración dos pingüíns.
"É algo que custa crer - sinalan nestas Conversas na Ferrería - pero o que se fai medioambientalmente en Pontevedra tamén afecta á Antártida".
Para iso, a Campaña Antártica tamén desenvolve un intenso labor de divulgación. Conferencias en colexios e videoconferencias desde a base Gabriel de Castilla adaptadas aos cursos e materia concreta que interese aos mesmos. Na pasada campaña realizáronse máis de 120. Igualmente, unha edición máis abrirase a campaña de apadriñamento de pingüíns.