RADIO.- Conversas na Ferrería: Ata a elección do leite que se compra conta na prevención de incendios

Pontevedra
20 de xullo 2018

A Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra está implicada no estudo integral de prevención de incendios que promoveu a Deputación. A primeira presentou xa unha cartografía dos incendios forestais na provincia. O inxente traballo continúa e falamos do mesmo nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio

Julia Armesto, Juan Picos e Laura Alonso nas Conversas na Ferrería
Julia Armesto, Juan Picos e Laura Alonso nas Conversas na Ferrería / Mónica Patxot

A Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra está implicada no estudo integral de prevención de incendios que promoveu a Deputación. A primeira presentou xa unha cartografía dos incendios forestais na provincia.

Juan Picos é director da Escola de Enxeñaría Forestal; Julia Armesto é profesora do devandito centro e Laura Alonso, graduada en Enxeñaría na escola pontevedresa. Todos participan neste estudo que ocupa as Conversas na Ferrería esta semana.

A formulación de partida do estudo era determinar que actuacións convirá levar a cabo para evitar situacións como as de outubro de 2017. Realizaron algo así como unha autopsia do que pasou a través dunha cartografía de satélite, como plataforma. A través do Proxecto Copernicus solicitaron inxente información. Dado que nunca antes se utilizou con ese obxectivo, Laura indica que "á hora de facer o procedemento tivéronse que axustar datos para que coincidisen con este satélite". 

A gran contribución destes técnicos foi "conseguir desenvolver un procedemento para cartografiar cunha imaxe de satélite todos os incendios que se produciron nestas datas; e ser capaces de detectar os niveis de severidade de cada incendio", explica Julia. Unha das evidencias ás que chegan ata a data é que "os incendios teñen memoria, isto é, os grandes incendios de hoxe teñen gran probabilidade de ser os pais dos grandes incendios de mañá", afirma Juan Picos en PontevedraViva Radio

Ante a prevención hai elementos máis ou menos controlables: a meteoroloxía, a topografía e o combustible do que dispón o incendio. Dadas as características da provincia, as condicións ideais serían "ter masas forestais e áreas rurais co mellor vigor, coa maior cantidade de humidade e menor cantidade de combustible morto".

E hai otro factor fundamental: a complicidade da sociedade en xeral; desde os xestores das administracións, pasando por propietarios de montes, ata o cidadán que non compra o leite autóctono. Todos e cada un temos a nosa cota de responsabilidade na prevención e coidado do territorio.