A afección está a mostrar ganas de volver á praza como poñen de manifesto os interlocutores Raúl Martínez, Alejandro Calvo e Juan Riveiro, presidente da Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra. Evidénciao tamén o despacho de billetes da praza "desde o 18 de xullo é unha actividade contínua. Vendéronse máis abonos entre as peñas e tamén máis localidades. Se non enchemos andaremos moi preto", algo que sinala Servando Rodríguez, xerente da praza, en PontevedraViva Radio.
Ese incremento do que fala beneficia tamén a outros sectores como o hostaleiro; de feito, outros datos que achega é que a venda pola internet case se duplicou - virán afeccionados da zona cantábrica, norte e centro, e mesmo de Canarias - e que polo menos dúas das figuras dos carteis da feira tiveron que aloxarse en Combarro porque en Pontevedra está toda a oferta reservada.
No segundo dos faladoiros que as 'Conversas na Ferrería' dedican á feira taurina da Peregrina contamos tamén co debutante no coso pontevedrés para esta edición, Tomás Rufo. Con el falamos deste 2022 que como di o mestre toledano: "esta tempada vai marcar un antes e un despois na miña vida, non só na miña carreira profesional. Oxalá poida terminar a tempada da mellor maneira posible e o ano próximo poder repetir os compromismos deste ano".
Este sábado 13 Tomás Rufo fará o paseíllo xunto a Julián López 'o Juli' e José María Manzanares. Os touros de Garcigrande xa descansan nos currais da praza da capital. O domingo, con touros de Alcurrucén, estarán Morante de la Puebla, David Fandila 'o Fandi' e Roca Rey. A porta grande do coso de San Roque está probada e engraxada.