RADIO.- "Comparsa, caras riseiras e a pasalo ben!"

Poio
09 de febreiro 2018

As comparsas son grupos imprescindibles do entroido. Miramos nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio cara tres das comparsas de Poio, que participan non só nas festas do municipio senón que tamén concursan nos doutros entroidos da comarca, da provincia e de Galicia

Membros das comparsas Os Canecos, Samieira e 100Tolos en PontevedraViva Radio
Membros das comparsas Os Canecos, Samieira e 100Tolos en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

"Caras riseiras e a pasalo ben" é o berro de guerra co que a comparsa da Sociedade Cultural de Samiera comeza a súa participación en concursos e desfiles de entroido. Unha máxima que resume o leitmotiv destas agrupacións: divertirse un mesmo para que tamén se divirtan os demais.

Iso si, hai que ter espírito de Entroido e que o teña tamén a túa contorna máis próxima porque participar nunha comparsa non é algo dun mes ou unhas semanas.

Todos os invitados coinciden en estas tesituras: Edmundo Nores pertencente á comparsa Os Canecos con trinta anos de presenza e que segue a tradición que iniciou a súa avoa en Poio; conta cuns 50 participantes. Tamén do mesmo municipio Tino Pérez da Sociedade Cultural de Samieira sairá cunhas 70 persoas; e nunha cifra semellante, de Campelo, Daniel Couselo e Alberto Cid da comparsa Os 100Tolos.

Animan e colaboran no entroido do concello veciño, pero tamén están nos entroidos de Pontevedra, doutros municipios da comarca, Lalín e mesmo da provincia da Coruña.

Un mes de participación en desfiles e concursos, e case case o resto do ano ideando a temática, os traxes e fantasías que os complementan, os bailes, elaborándoos e ensaiando o entroido da seguinte edición. Sumando a todo iso carroza, como é o caso de Samieira.

Desde logo, ten que haber diversión, porque por rendibilidade económica non resultan as contas "por menos de quince mil euros non é posible saír", sinalan.

Arquivado en