RADIO.- Comandante Valentín Benéitez desde a Antártida: "hai evidencias dun quecemento global"

Pontevedra
26 de xaneiro 2018

No mes de setembro tres dos trece militares que participan na Campaña Antártica 2017-18 compartían charla en PontevedraViva Radio con motivo dos seus exercicios de preparación no Grove. Volven ás Conversas na Ferrería, esta vez desde a propia Antártida

Videoconferencia con membros do Exército da Campaña Antártica 2017-2018
Videoconferencia con membros do Exército da Campaña Antártica 2017-2018 / Mónica Patxot

"Na Antártida todos os plans cambian". E eses plans xa se tiveron que modificar na saída prevista da Campaña Antártica 2017-2018.  Foi finalmente o 18 de decembro desde Cartaxena e chegaron á base de Illa Decepción o 3 de xaneiro. Cóntannolo nestas Conversas na Ferrería, catro dos trece militares que participan nesta videoconferencia con PontevedraViva Radio.

Superadas as dificultades iniciais a actividade está a pleno rendemento na base Gabriel de Castela en Illa Decepción. O capitán Antonio Donis, galego de orixe, apunta que "aquí nos convertemos nunha familia tirando na mesma dirección e conseguimos dispoñer dunhas comodidades que faciliten o traballo de científicos e militares nesta base". Ademais en nome de toda a dotación militar envía saúdos á Brilat polo apoio que lles prestan durante a súa fase de preparación no Grove.

Hai uns anos non contanban coas telecomunicacións que teñen agora, pero tamén leva maior traballo como son videconferencias con centros escolares ou a campaña de apadriñamento de pingüíns. Esta vez, aos cinco días de apertura, xa se superou o número de persoas que solicitaron apadriñar pingüíns e comprometerse co medioambiente.

A capitá Pilar Lisbona, responsable da área de Medio Ambiente, vive a súa primeira experiencia na Antártida. Unha misión da que tiña referencias en primeira persoa polo seu pai, militar e quen estivera leste mesmo emprazamento con esta campaña. O proxecto científico PINGÜIFOR indica que a auga se está quentando, que hai menos kril (crustáceo antártico); que os pingüíns se están alimentando con outros peixes, o que lles fai menos resistentes; e por tanto estea a diminuír o número de pingüíns.

O equipo de científicos que estuda o xeo conxelado que hai baixo a Antártida conclúe que este xeo está a reducirse e por tanto hai evidencias de que houbo un quecemento global. Un exemplo de que algo está a pasar na deterioración da atmosfera é que "nos choveu e os vellos do lugar non lembran a choiva, si a neve, pero non a choiva" de igual forma "tivemos unha tormenta de neve, que nesta estación tampouco é normal".

Non hai descanso nin en fins de semana, o seu día a día relátao o comandante Valentín Benéitez, xefe da expedición. Os científicos desenvolven os seus proxectos co acompañamento dos efectivos militares, así como a xornalistas como os da BBC que se desprazaron ata estes confíns da terra. O comandante conclúe cada xornada na Antártida escribindo o diario de operacións que ata a data, e oxalá siga así ata o final da campaña pecha con "semáforo verde".