A Unesco ten declaradas como Patrimonio Inmaterial da Humanidade, a cociña mediterránea, a cociña tradicional francesa, a xaponesa e a mexicana. Así que coñecemos este patrimonio en PontevedraViva Radio co chef mexicano Rómulo Mendoza.
A declaración da Unesco comporta un compromiso de protexer e preservar esas tradicións culinarias e nesa liña traballa este novo cociñeiro: "O meu restaurante está aberto no barrio da Mercé, a zona máis antiga de Cidade de México; nunha vivenda familiar de máis de 200 anos de construción. Un edificio con moita historia, con receitas e utensilios que eran da miña avoa e para min é importante mantelo. Hoxe en día traballamos tan rápido que se nos esquece gozar da comida. A través de Roldán 37 os clientes dinme que vale a pena vivir esta experiencia de gozar con e durante a comida".
Charlamos da antigüidade da comida mexicana, as súas técnicas, diversidade, combinacións exóticas, as súas bebidas e do sinal de identidade que supón; de feito hai quen sinala que a comida é como os mexicanos " colorida, extravagante, alegre e moi creativa", máxima coa que Rómulo afirma, sente identificado.
Neste Cara a cara atopamos oco para a literatura vinculada á gastronomía e sae a colación unha autora mexicana como Laura Esquivel - que resulta ser unha referencia para Rómulo -; para mirar á televisión e os realities de cociña; e mesmo para propoñer un intercambio de produtos galegos e mexicanos.