Ana Miranda volve a finais deste mes de agosto a Bruxelas onde reside e exerce as súas responsabilidades como eurodeputada do grupo Os Verdes/Alianza Libre Europea, en representación do Bloque Nacionalista Galego. Nos meses que leva de novo neste cargo viviu unha experiencia que lle leva a falar con coñecemento de causa sobre a inmigración. Embarcouse coa ongProactiva Open Arms e viviu en primeira persoa o rescate de 60 persoas procedentes de Libia. Lembra cos seus nomes propios esas historias que escoitou e fala neste Cara a cara sobre o que debería facer Europa e España respecto diso, e dun tuit que de forma maniquea tamén navegou por augas revoltas.
Non é a única cuestión á que pon voz en Bruxelas, os damnificados polo accidente do Alvia en Angrois foron outra das súas puntas de lanza. En breve, agarda que a Axencia Ferroviaria Europea - que emitiu o informe que fixo reabrir o caso na Audiencia da Coruña - emita outro informe no que determinaría se España cumpría a normativa de control de riscos.
Miranda Paz tamén lembra en PontevedraViva Radio outras tantas cuestións que ocupan e preocupan en Galicia e que se coñeceron no hemiciclo europeo, caso recente por exemplo a demanda de devolución do Pazo Meirás. Explica igualmente outra imaxe súa que o pasado mes de maio non estivo exenta de controversia: a viaxe que xunto a outros eurodeputados fixo a Berlín para manter un encontro con Puigdemont.