Se a noite de Reyes tróuxolles unha saca de limóns, a comparsa Os Solfamidas está disposta a espremelos, endulzarlos e beberse todo o zume. Un incendio no pavillón municipal de Campolameiro púxolles o contador case a cero. Ao día seguinte, desde un pequeno local en Monteporreiro, retomaron a conta atrás para manter a súa presenza nos entroidos.
Ánglel Rodríguez é presidente de Os Solfamidas. Esa fatal velada quedaron sen traxes, sen instrumentos e sen os materiais que estaban a empregar desde agosto a fin de ter indumentarias, coreografías e músicas dispostas para a festa. Conta en PontevedraViva Radio que requiren 8.000 euros, aínda que as perdas elévanse a unha cifra moito maior xa que, só os instrumentos de percusión sinistrados, estímase nuns 12.000 euros. Para conseguir axuda económica abriron unha conta de doazóns a través da plataforma Gofundme.com, onde se poden facer achegas de forma anónima ou pública.
Do primeiro ao último dos aproximadamente oitenta integrantes da comparsa están a redobrar esforzos. O deseño inicial dos traxes, - que ademais nesta ocasión viña acompañado de sorpresa- , vese obrigado a modificarse. Traballan a contrarreloxo, facendo malabarismos para conseguir que os pedidos, por exemplo de plumas, cheguen a tempo. Hai algunha empresa mesmo, que dada a circunstancia faralles chegar as plumas 'de fiado'.
Pontevedra, Santiago, Marín, Campolameiro, Lugo, Ourense, Xinzo, Riveira, Burela... son localidades en cuxos entroidos participan Os Solfamidas. Víronse obrigados a descartar a súa participación nalgunhas actuacións xa contratadas por falta de tempo; con todo manteñen o si para a actuación benéfica que terá lugar o primeiro sábado de febreiro para o Comedor de San Francisco "aínda que sexa con roupa de rúa e instrumentos prestados, alí estaremos" afirma Ángel no Cara a cara.
Tras coñecerse a noticia do incendio recibiron chamadas doutros Concellos como Pontecaldelas, A Lama, Pontevedra, Carballiño ou a Deputación interesándose pola súa situación. O Concello de Marín cedeulles o pavillón para poder ensaiar e a comparsa marinense Os Paparrulos cedéronlles instrumentos que non precisan agora. 'Lito' Rodríguez destaca ademais o apoio e interese doutras comparsas e moitos grupos que participan no entroido de Pontevedra. Algo que lles está servindo de gran revulsivo para "vir arriba" e non desalentarse.