PontevedraViva Radio abre os micrófonos a unha parella británica residente en Pontevedra para falar da noticia que copa a actualidade desde este pasado xoves 8 de setembro. Son Andy e Diane Piggot. Os trazos físicos suxiren algunhas pistas, o acento confírmao. Aínda que a súa orixe está no Reino Unido, son unha parella cunha perspectiva vital moi ampla, coñecen máis de medio centenar de países e viviron en catro diferentes. Andy, fotógrafo profesional, evidencia un notable sentido do humor e ambos están afastados dese caracter tan estereotipado do británico.
Naceron en 1959, seis anos despois da coroación de Isabel II, polo que é a única raíña que coñeceron no seu país, como tantos compatriotas. Para os Piggot hai un momento que lembran deste reinado, o ano 1978 con motivo do vintecinco aniversario do seu reinado: "había festas na rúa, todo o mundo participaba - que alí non é común - , é moi raro; non é como aquí que hai festas na rúa contínuamente. Foi interesante porque había unha sensación de unidade inusual", lembran.
Con eles charlamos no 'Cara a cara' sobre determinados momentos na vida da raíña falecida, tanto no seu cargo como xefa de Estado, como familiar. "Isabel II era moi querida, non estou seguro que Carlos III vaia a ter a mesma popularidade", sinalan, aínda que o sentir británico mellorou desde os seus peores momentos coa separación de Diana de Gales e coa súa morte. Este pasado xoves 8, cando viron a luctuosa noticia "era difícil de asimilar" e non dubidan que se trata xa dunha data histórica; e non só para o Reino Unido.
Ademais de repasar Historia, antes e despois dun 8 de setembro de 2022, Diana e Andy tráennos a este podcast outra historia, a súa historia. A dunha parella que se coñeceu un 13 de abril de 1979 e ata hoxe só estiveron separados "pouco máis dun día".