O devir do tempo será quen confirme a pervivencia das comparsas do Entroido en Pontevedra e na súa comarca. De momento, a realidade é que, segundo as cifras que achegan, a cifra non alcanza os dous díxitos. Nestas Conversas na Ferrería de PontevedraViva RadioJosé Manuel Corbacho da Comparsa Amoriños de Bora e Lito Rodríguez de Os Solfamidas de Campolameiro, explícannos a súa forma de vivir o entroido.
Un dos tópicos que rompen é o frío que pasan: "ponte a bailar dúas horas seguidas e verás se pasas frío", di Corbacho; aínda que iso si, como axuda previa non vén mal un licor café. Previa e posterior, porque se queixan do tempo que han de agardar ata que se coñecen os premios do concurso do desfile e aí é onde a temperatura non lles perdoa.
Canto tempo lévalles preparar traxes, bailes, cancións...? dous, tres meses?...Seis meses!. Si, medio ano pásanse os compoñentes de Amoriños de Bora preparando toda esa "engrenaxe" para unha ou dúas semanas; algunha máis quizá, se como no caso de Os Solfamidas participan en concursos doutros municipios da comarca.
E falando de concursos, outro tópico: sacan un bo peto se se fan con varios premios?. Rotundamente: non. Corbacho sinala que cada ano o custo de sacar a comparsa á rúa non baixa dos 14.000 euros. Así que é evidente, que tantos meses, tantos días e tantisimas horas dedicadas a estes mesteres, só pode ser por unha razón: apaixonados do entroido.