Os consumos de risco que derivan en adiccións, con ou sen substancias, están a detectarse a idades cada vez máis temperás. Os profesionais falan de once e doce anos. Para atallar a tesitura hai que detectar precozmente e educar. Ese é o contexto, "o problema perentorio", en que nos sitúa Antonio Rial Boubeta, Doutor en Psicoloxía, profesor da Facultade de Psicoloxía daUSC e experto en estudos sobre menores e comportamentos conflitivos.
Non só falamos de alcol e drogas, tamén de apostas, xogos online, videoxogos, consumo de pornografía ou sexting. A Organización Mundial da Saúde xa está a advertir de máis comportamentos adictivos como o culto ao corpo motivado pola obsesión da imaxe nas redes sociais.
"A prevención cos menores facémola todos", desde a contorna máis próxima, como a familia, o ámbito educativo ou o sanitario, ao resto da sociedade. É necesario implicar á Atención Primaria, "que é a porta de entrada para dispoñer de ferramentas que diagnostiquen a situación que poida dar lugar a unha intervención ante o problema". Respecto á contorna educativa, Rial expón no Cara a cara que "internet está a poñer en evidencia as carencias do sistema; esfórzase en formar profesionais no rendemento académico, pero non en formar persoas".
E en canto á referencia máis inmediata, os pais: "preocupámonos moito, pero ocupámonos pouco. Cústanos poñer normas e límites. Non hai lugar para a interacción, para o diálogo; estamos a deixar de facer as funcións de pais. Observa, controla, limita e acompaña aos teus fillos", recomenda.
Fala ademais en PontevedraViva Radio dun estudo pioneiro en Galicia da USC que se desenvolve para o Plan Nacional Sobre Drogas e que pretende conseguir o deseño e implementación dun sistema de detección precoz e consello breve en adiccións con e sen substancias en adolescentes.