RADIO.- Alumnado do CEIP Praza de Barcelos deixan constancia das súas preocupacións e afeccións nun podcast

Pontevedra
06 de decembro 2021

Alumnado do CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos visitaban PontevedraViva e PontevedraViva Radio, para completar un trimestre de traballo nas aulas sobre medios de comunicación 

Estudantes de quinto curso do CEIP Praza de Barcelos durante a gravación dun podcast en PontevedraViva Radio
Estudantes de quinto curso do CEIP Praza de Barcelos durante a gravación dun podcast en PontevedraViva Radio / PontevedraViva Radio

PontevedraViva e PontevedraViva Radio concluíron o mes de novembro de forma concorrida. Estudantes de quinto e sexto curso de Primaria do CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos de Pontevedra, visitaron esta redacción e este estudo de radio para coñecer en que consiste o traballo no xornalismo.

A través dun proxecto de excelencia académica da Xunta de Galicia, este alumnado traballou no último trimestre nun achegamento aos medios de comunicación, que concluíu con esta visita. Nunha primeira xornada, na que participaron cincuenta menores de quinto curso, Óskar Viéitez explicoulles cal é a función dun xornalista, como se organiza o traballo da redacción, como se accede á información ó como se sostén economicamente un medio de comunicación.

Na segunda parte da visita, ao estudo de radio, tiveron ocasión de poñerse diante dun micrófono para gravar un podcast cos traballos que estiveron a preparar. Escolleron temas de calado social como a violencia de xénero, ou a igualdade entre homes e mulleres; así o fixeron Daniela Vaqueiro e Paula Matías ou Miguel Pérez e Diego Rodríguez. Tamén en referencia a perigos e utilidades das redes sociais, do que deron conta Noa Calvelo e Gael Barros; chamaron a atención sobre o cambio climático Inés Rodríguez e Lucía Pintos e centráronse en animais en perigo de extinción Sandra Capelo e Nadia Domínguez. 

Tamén compartiron ante os micrófonos as súas afeccións: Daniel Arizmendi, Pablo Canay e Hernán Balea traballaron conxuntamente para falar sobre a Grecia antiga; Pepe Medina e Millán Molina interviñan falando sobre as constelacións e Manuel Rodríguez sobre os golfiños. Candela Novas e Jimena Sartier falaron sobre a cantante e compositora Billie Eilish e Milagros Requeijo trouxo un texto sobre os cómics xaponeses.

E postos entre libros, Alba Garrido escolleu 'Verónica Torres rebélase contra o mundo' de María Menéndez-Ponte; Pedro Novas trouxo a saga de Harry Potter e á súa autora J. K. Rowlling e Anxo Gómez e Iker Cons 'A marabillosa viaxe de Nils Holgersson a través de Suecia' da autora sueca Selma Lagerlöf, primeira muller Premio Nobel de Literatura.

Brais Rodríguez lembrounos a chegada e presenza dun virus que nos trastornou a vida desde 2020: o SARS-COV2, apuntando ademais dúas máximas fundamentais: "levar sempre a máscara e manter a distancia social". E por non faltar, non faltou ata consello de alimentación saudable con Lara Meijoeiro e unha explicación sobre as virtudes das berenxenas.

(En breve daremos conta da visita dos seus compañeiros de sexto curso).