RADIO.- A Playlist: O espía Pepe Vieira que acabou nun cárcere de Guinea Ecuatorial

Pontevedra
02 de decembro 2017

Pepe Vieira, un dos cociñeiros que acaba de revalidar a súa Estrela Michelín, comparte a súa Playlist en PontevedraViva Radio. Non só a súa música, senón tamén experiencias e anécdotas de luxo. E non porque se midan en billetes 

Pepe Vieira na Playlist de PontevedraViva Radio
Pepe Vieira na Playlist de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Xosé Manuel Torres Cannas ou Pepe Vieira. Vigués de nacemento, residencia de infancia e adolescencia, -veciño de Teo Cardalda para máis pistas-. Viviu os anos de intensidade musical e reivindicativa da cidade olívica. Confésase como un tipo tímido que co tempo vai superando. A hostalería empezoulle a enganchar cando a viviu no estranxeiro e sentiu que podía gañarse a vida con esa profesión. Foi o seu pai, Juan, quen pensou que podía ser un futuro para o maior dos seus dous fillos.

Con 14 anos enviárono a estudar a Santiago. Unha etapa de maduración persoal, conta. Marchou a Madrid aos 18 anos para complementar os seus estudos de Hostalería con Turismo. Pasou unha etapa en Canadá. Logo saltou a Escocia, seguiulle Francia e finalmente reencontrouse fisicamente en Sanxenxo co seu irmán Xoán tras anos separados por miles de quilómetros e naquel momento deciden embarcarse nun negocio de restauración.

Ao mesmo tempo coñece á que hoxe é a súa muller, Sandra, que vivía en Nova York, filla de emigrantes galegos e que volvía os veráns a Galicia. Ela é fisioterapeuta. Teñen a Tati e Darío. Fóra tópicos: el non cociña na casa, e ela tampouco fai de fisioterapeuta con Pepe.

Apareceu para esta Playlist de PontevedraViva Radio con casco de moto e luvas. Non é moteiro "de toda a vida". Fai uns catro anos viviu un momento de moitas horas de traballo que lle impedía poder dedicar tempo ás súas afeccións. Comprouse unha Honda do 63 para restaurala. Logo seguíronlles outras catro, unha delas de enduro, un dos seus hobbies.

Tamén afeccionado á lectura, a escritura, o windsurf, ou a viaxar - ségueo facendo pero por traballo -. Sen dúbida, a anécdota, que a día de hoxe afortunadamente pode cualificarse como tal, ten orixe nunha viaxe laboral: o reputado cociñeiro acabou nun cárcere de Malabo, en Guinea Ecuatorial.

Fala de tesituras similares ás que viviron aqueles cociñeiros que formaron o xerme do Grupo Nove, que por certo recentemente recibiu un dos Premios da Crítica Galicia. Vieira di con certa sorna: "agora as expectativas do cliente son moi altas.Entón chegaban e flipaban, emocionábanse... era alucinante. Agora un cociñeiro ten que saír en tanga para que alucinen e case che din...bah! víaselle un pouco forzado".

En 2015 puxo en marcha en Pontevedra La Ultramar, que lle levou ademais a trasladar a casa familiar a esta capital. O próximo proxecto será o Hotel da Natureza. Mirando a un futuro a longo prazo responde que sempre tivo a fantasía de poder dedicarse algunha vez a outra cousa. "Iso que fan algunhas persoas de dar un xiro totalmente á vida e dedicarse a algo que non ten nada que ver co que fas". Quen sabe se puidese ser un taller de motos?.