RADIO.- A playlist de... Ketty Fresneda: Azucre, sal e pementa!

Pontevedra
29 de xuño 2019

Ketty Fresneda leva oito anos vivindo en Pontevedra, cando deixou a súa Habana natal. O seu rostro comezou a ser coñecido o ano pasado ao converterse nunha das concursantes de MasterChef. Esta semana foi a protagonista da Playlist en PontevedraViva Radio

 Ketty  Fresneda Fernández concursou na sexta edición do concurso televisivo  MasterChef
Ketty Fresneda Fernández concursou na sexta edición do concurso televisivo MasterChef / Mónica Patxot

Un punto de dozura, outro toque de simpatía e un belisco de forte carácter. Azucre, sal e pementa maridan na persoa de Ketty Fresneda Fernández. Ese azucre que cantaba a súa paisana Celia Cruz e que impregna o sentido do ritmo dos caribeños. Un ritmo que logrou culminar o día en que a deixaron entrar durante un recreo en "unha roda de casino" cando estaba en Secundaria.

Nada na Habana, saíu antes que Katty, a súa xemelga; así que esta moza que aínda non cumpriu os trinta, é a menor de dúas irmás. "As choivas" como lles dicía a súa avoa Rita, de ascendencia vasca, e que aproveitaban a circunstancia da súa semellanza para facer "moitas maldades" como confesa nesta Playlist. Katty fixo tía a Ketty. Mario e Alexandra son os seus "segundos amores", como o serán de Araceli Fernández, esa muller cuxa aparición sorpresa no concursoMasterCheffixo saltar as bágoas a presentes e espectadores.

De nena custáballe relacionarse coas persoas da súa idade. Retraíase e prefería adicar o seu tempo, por exemplo, á lectura. Comezou a estudar Medicina, pero antes de terminar aqueles estudos superiores, a súa irmá e a súa curmá presentáronlle "ao galego". Ese galego que a trouxo a Pontevedra é Fernando, o seu marido, "o meu pichi" como lle chama Ketty e ao que advirte nos micrófonos de PontevedraViva Radio que"necesitamos montar algo en Pontevedra". Ese "algo" obviamente estaría relacionado coa restauración.

Oito anos leva vivindo nesta capital, onde -por moito que actualmente os seus compromisos laborais a obriguen a viaxar- sente que "está a miña almofada". Na súa capacidade de adaptarse ao cambio recoñece a súa maior virtude e pola contra nun carácter forte "sen filtros", o seu maior defecto. Cóidase "o suficiente", ollo, corpo e alma. Isto é, que ademas da súa alimentación -estudou un ciclo superior de Nutrición-, está atenta ás necesidades da alma. E aí sabe gozar da súa soidade e da compañía dos amigos de "a tropical".