A Xunta Electoral de Zona de Pontevedra remitirá á Fiscalía da Audiencia Provincial polo menos tres denuncias contra outros tantos cidadáns por incorrer nun delito electoral durante a xornada do 24 M. É unha das rabexadas que deixan a nivel informativo e xurídico as eleccións municipais. Esta cita coas urnas será difícil de esquecer, a nivel máis anecdótico, para os membros dunha mesa que, á hora de realizar o reconto de votos, se encontraron cun achado tan inesperado como un presevativo metido dentro dun sobre de votación.
Datos e anécdotas saíron á luz este mércores durante a sesión de reconto de votos da Xunta Electoral de Zona. Realizouse na sala de vistas 6 dos xulgados da Parda entre as 9.15 e as 13.55 horas deste mércores, cinco horas nas que a monotonía de ler un a un os datos de censados, electores e votos por partido das mesas electorais de todo o partido xudicial de Pontevedra se fixo máis levadeira grazas ás anécdotas.
Un sobre que ulía a chourizo e en cuxo interior había unha rebanda de embutido deixou un momento de risas e houbo quen recordou aquela frase de "Non hai pan para tanto chourizo' coa que tantos cidadáns critican a cantidade de casos de corrupción xurdidos nos últimos anos. Pero sen dúbida, resultou máis divertido para os presentes descubrir que noutro sobre había dentro un preservativo. "Sin usar", matizaron os presentes. "Al lado de la papeleta", engadiron outros con xesto retranqueiro que se cala as interpretacións que fixeron do xesto.
O ton dos presentes volveuse máis serio, non obstante, ante a constatación doutra realidade que deixou a xornada electoral. No partido xudicial de Pontevedra detectáronse polo menos tres casos de membros dunha mesa electoral que o domingo se negaron a cumprir coa súa obriga cidadá e legal de presenciar as votacións.
O caso máis rechamante é o dun veciño de Salcedo que fora citado como vogal da mesa e se presentou ás 8.00 horas do domingo, pero, á hora de constituírse a mesa, se negou a asumir o papel asignado e abandonou o colexio electoral, de modo que tivo que ser substituído por un suplente. O seu caso chegou á Xunta Electoral e o seu presidente, o xuíz decano, Miguel Aramburu, mostrouse moi crítico coa actitude, que ve constitutuva dun delito de abandono ou incumprimento nas mesas electorais.
A Xunta Electoral decidiu remitir este caso e polo menos dous máis á Fiscalía de Pontevedra e recorda que este tipo de actitudes están tipificadas como delito no artigo 143 da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, que estipula que o presidente, os vogais e suplentes que deixen de concorrer ou desempeñar as súas funcións, abandónenas sen causa lexítima ou incumpran sen causa xustificada as obrigas de escusa ou aviso previo que lles impón esta Lei, incorrerán na pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a 24 meses.