"Quitoume todo o que tiña", relata unha vítima de violencia de xénero, mentres el a acusa a ela: "tíñalle medo, pegábame"

Pontevedra
09 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A Audiencia de Pontevedra continuará o vindeiro luns, 15 de abril, o xuízo contra un home acusado dun delito continuado de agresión sexual e oito delitos cometidos no ámbito da violencia de xénero: un de violencia habitual, seis de malos tratos ou lesións leves e un de ameazas leves. Enfróntase a 20 anos e 9 meses de prisión

Luis J.J., acusado de maltrato, amenazas e agresión sexual
Luis J.J., acusado de maltrato, amenazas e agresión sexual / Mónica Patxot

Empezou por humillacións e desprezos porque "non soportaba que a súa parella mantivese boa relación co pai da súa filla" e derivou en ameazas, malos tratos habituais e agresións sexuais, nunha relación que transcorría nun "clima de terror". Esta é a relación que describen a Fiscalía de Pontevedra e unha pontevedresa, pola que o suposto maltratador se enfronta a 20 anos e 9 meses de prisión.

O caso chegou a xuízo este martes na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra e continuará o vindeiro luns, 15 de abril, para poder tomar declaración a testemuñas que non compareceron na primeira sesión.

A Fiscalía considera que o acusado é autor dun delito continuado de agresión sexual e oito delitos cometidos no ámbito da violencia de xénero: un de violencia habitual, seis de malos tratos ou lesións leves e un de ameazas leves. Ademais de 20 anos e 9 meses de prisión, pide para el 30 anos de prohibición de aproximarse á súa vítima ou comunicarse con ela. 

Protexida por un biombo, a muller rememorou a relación e o "medo" que sentía, chegando a romper a chorar durante a súa declaración ante o tribunal. El, con todo, negouno todo.

Ela relatou que, ao principio, a relación foi secreta e víanse ás agachadas e, tras catro meses de relación, empezaron a convivir coa filla dela, que agora ten 10 anos. "Empezou todo porque eu levábame ben co pai da nena e a el non lle gustaba", lembrou. E tamén o primeiro de "moitos" episodios de malos tratos.

"Foi á cociña, colleu un coitelo e cravoumo". Nin esa nin moitas outras veces foi ao médico e, cando lle preguntaban polos negróns, dicía que tivera accidentes domésticos. 

Como nos malos tratos, tamén na súa vida sexual houbo unha progresión. Ao principio, todo ía "moi ben", pero logo el saía, "tomaba as súas substancias" e íase de festa. Ao regresar, "viña á casa con chupetóns e cheiro a muller e a min non me apetecía ter relacións", pero tíñaas, segundo asegura, obrigada

Cando se negaba, "arrastrábame polo chan, tirábame dos pelos" e relatou varias violacións, unha dela utilizando unha botella de cervexa. Desa última, recoñeceu unha foto que lle mostrou o avogado dicindo que a cortou durante a agresión.  "Era moi moi violento", declarou

Como resultado desa relación, rompeu todo tipo de vínculos anteriores. Así, asegura que "me anulou a autoestima", "cortoume relación con todo o mundo", "quitoume todo o que tiña", "era moi celoso, non podía ter os meus amigos". Chegou a obrigala a eliminar as súas contas en redes sociais e a utilizar só unha compartida, anulándoa: "como muller, cero", concluíu. 

A vítima relatou que tiña "moito" medo, tivo que ir a unha psicóloga e a súa filla tamén e acabou mudándose a vivir á Coruña coa súa actual parella. Afecta mesmo á súa vida actual porque "non confío en ninguén" e teme, sobre todo, pola súa filla "porque ela viviu todo iso, quedou na memoria con esa persoa" e segue a tratamento psicolóxico.  

O acusado, Luis J.J., veciño do Vao (Poio) e actualmente en prisión, empezou negando a relación coa vítima e chegou a asegurar que "nunca" falara con ela e só a coñecía porque estivera casada co seu curmán. Logo, recoñeceu que tiveran unha relación, aínda que sen convivencia, e negou todo tipo de agresións e violacións, indicando que só tiñan relacións sexuais "querendo ela".

Negou tamén que ela lle tivese medo e asegurou ata en tres ocasiones que o asustado era el. "Eu tíñalle medio a ela. Pegábame", asegurou, asegurando que el era a vítima. "Ameazábame e ata me pegaba, insultábame, collíame o móbil", asegurou, para engadir que, "cando me golpeaba, collía e marchaba".

O acusado explicou que na súa declaración que cre que ela o denunciou "por temas de celos" porque era "controladora". De feito, asegurou que obrigou a activar no móbil a localización do whatsapp para saber sempre onde estaba. 

O acusado indicou que a relación comezou cando el saíu de prisión, en 2018, e durou ata outubro de 2019, aínda que ela sitúa o fin dous meses despois, en decembro, e asegura que terminou porque "me deu unha malleira o día de fin de ano e aí deixeino". Segundo a Fiscalía, ese día díxolle "es unha puta, 'zorra', non vales para nada, páganche por follar" e tratou de obrigala a manter relacións sexuais, chegando a rabuñala na cara. Ela escapou, pero el colleuna e arrastrouna polo chan en presenza da filla dela e pegoulle unha puñada e varios bofetones.

A Fiscalía e a vítima sosteñen que o comportamento "agresivo e violento" continuou tras o fin da relación, a principios de 2020, cunha agresión á saída do traballo mentres lle gritaba "es unha puta, es a miña muller" e a través dun whatsapp do que ela achegou captura de pantalla no que lle dicía "Teboy meter dos puñaladas...pero estoy por putas por. Zoraa (sic)". El negou enviar esa mensaxe.