Sorpresa na sanidade pontevedresa. O Hospital Domínguez, o centro sanitario privado máis importante da área de Pontevedra e un dos máis recoñecidos de Galicia, cambia de mans. Quirónsalud, a compañía líder en España en prestación de servizos relacionados coa saúde, chegou a un acordo cos seus actuais propietarios, a familia Domínguez, para comprar o hospital pontevedrés.
Dentro deste acordo, cuxas negociacións se iniciaron xa hai máis dun ano, inclúense tamén o resto de centros que integran o Grupo Hospitais Miguel Domínguez: a Clínica Médica La Merced (Poio) -onde está situado o Centro de Dano Cerebral e Neurociencia-, o Policlínico Miguel Domínguez da rúa Castelao e o Centro de Rehabilitación e Fisioterapia da rúa San Pedro Alcántara.
Segundo puido saber PontevedraViva de fontes próximas á operación, o acordo xa está asinado e nel inclúese o compromiso para o mantemento de todos os postos de traballo, actualmente preto de 400 profesionais repartidos entre os catro centros do grupo.
Espérase que, nos próximos días, se convoque unha rolda de prensa na que se darán a coñecer todos os detalles desta compra do Hospital Domínguez por parte de Quirónsalud.
Espérase que, nos próximos días, se convoque unha rolda de prensa na que se darán a coñecer todos os detalles da venda do Hospital Domínguez
O Hospital Domínguez é un centro histórico non só en Pontevedra senón en toda Galicia. A actividade do grupo pontevedrés iniciouse en 1949 coa inauguración do primeiro Sanatorio Domínguez e desde entón non parou de crecer e modernizarse.
Deu un salto adiante en 2009, coincidindo co seu 60 aniversario, coa creación do Grupo Hospitais Miguel Domínguez que integrou o Hospital Miguel Domínguez, o Policlínico Miguel Domínguez e o Centro de Dano Cerebral e Neurociencias, tres centros privados cunha longa experiencia asistencial. En 2011, o hólding sanitario inaugurou o seu Centro de Rehabilitación e Fisioterapia, que se reforzou en xaneiro deste ano coa adquisición do Gabinete Rivas.
QUEN É QUIRÓNSALUD?
Quirónsalud, o grupo que se fai co Hospital Domínguez, é a compañía líder en España en prestación de servizos sanitarios. Con máis de sesenta anos de experiencia no coidado da saúde e do benestar das persoas, cobren todas as especialidades médicas para ofrecer unha atención integral ao paciente.
Contan con máis de oitenta centros asistenciais en toda España, entre hospitais xerais, centros médicos especializados, hospitais de día, clínicas de reprodución asistida, residencias da terceira idade ou consultas oftalmológicas. Todas elas, destacan, cun prestixioso equipo de profesionais, a tecnoloxía máis avanzada e unha marcada vocación investigadora e docente.
Nesta ampla rede figuran, entre outros, o Hospital Ruber Internacional e a Clínica La Luz (Madrid), o Hospital Quirón Teknon (Barcelona), o Hospital Quirón Sagrado Corazón (Sevilla) ou os centros hospitalarios que, co nome do grupo, teñen en Valencia, Tenerife ou Zaragoza.
Ata agora, a presenza de Quirónsalud en Galicia limitábase a dúas instalacións sanitarias na Coruña -un hospital e un centro oftalmológico- e un terceiro en Ferrol, un centro médico.
En total, o grupo conta con máis de 26.000 profesionais nos seus centros españois.