Quinto día consecutivo con baixada de casos de covid

Pontevedra
26 de xaneiro 2022
Actualizado: 11:38

A última actualización dos datos da pandemia na área sanitaria sinala que este mércores 26 de xaneiro hai un total de 7.711 casos activos, son 209 menos que onte martes. Nas últimas 24 horas curáronse 929 persoas

Persoas paseando nas rúas de Pontevedra
Persoas paseando nas rúas de Pontevedra / Mónica Patxot

Segue o descenso de casos de covid na área sanitaria de Pontevedra O Salnés tras superarse o pico da sexta onda. 

A última actualización dos datos da pandemia na área sanitaria sinala que este mércores 26 de xaneiro hai un total de 7.711 casos activos, son 209 menos que onte martes.

Nas últimas 24 horas curáronse 929 persoas.

Así, este martes o Servizo Galego de Saúde (Sergas) notifica 722 novos casos abertos nas últimas 24 horas. 

Hai un total de 84 pacientes enfermos de Covid que están ingresados en planta de hospitalización, son 7 menos que onte. 

Son 71 (seis menos que onte) no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 2 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 11 (un menos) no Hospital do Salnés. Soben a 8 (un máis) os pacientes en estado crítico na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Montecelo.

O resto dos que contraeron o virus, outras 7.619 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e baixo supervisión médica, ao ser asintomáticos ou ter pouca sintomatoloxía.

Desde o inicio do plan de continxencia pola pandemia curáronse 38.560 pacientes e faleceron por este virus na área sanitaria 240 pacientes.

En canto a realización de PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 616 probas, que se engaden ás 383.321 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria. A elas súmanse as 212.419 probas de antígenos e outras 118.571 probas de detección da covid-19.

GALICIA

Continúan descendendo os casos activos de coronavirus en Galicia, pero os contaXios non están a descender. Este mércores 26 de xaneiro rexístranse 386 máis que a semana pasada polo aumento de incidencia nos menores de 12 anos como consecuencia da volta ás clases. O dato de incidencia a 14 días segue descendendo (baixa de 3.389 a 3.339), pero o de incidencia a 7 días sobe por segundo día consecutivo, de 1.511 a 1.525.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 65.841 (un descenso de 1.509 infectados). Deles 14.141 son da área da Coruña, 6.610 da de Lugo, 6.767 da de Ourense, 7.711 da de Pontevedra, 17.338 da área de Vigo, 10.158 da de Santiago e 3.116 da de Ferrol.

A situación hospitalaria mellora de novo, con 9 pacientes menos que onte. 

Do total de pacientes positivos, 48 están en UCI, 581 en unidades de hospitalización e 65.212 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 324.379 persoas curadas, rexistrándose 2.897 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 3.522.414.

O número de dose de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.326.523.