O Concello de Sanxenxo, a través da área de Servizos Sociais, fixo chegar as primeiras tarxetas de emerxencia destinadas á adquisición de alimentos e de bens de primeira necesidade. Quince familias do municipio foron xa as primeiras beneficiarias desta acción extraordinaria derivada das consecuencias que está a ter a crise sanitaria e económica.
A administración local contempla que estas tarxetas de emerxencia cheguen a unhas trinta familias. Con todo non descarta que haxa que recorrer a ampliar a partida extraordinaria de 12.000 euros destinada a estas tarxetas coa intención de que ningunha familia de Sanxenxo careza de recursos para cubrir as súas necesidades de alimentación e hixiene.
Estas axudas teñen en conta o número de membros por familia, oscilando entre os 120 e os 188 euros. A adquisición dos devanditos produtos debe realizarse no supermercado Eroski co que o Concello subscribiu un convenio. Ademais destas familias, contabilízanse outras vinte e nove que están acollidas ao plan de emerxencia social, con achegas de 1.800 euros mensuais de media, e que alcanzan ao ano os 50.400 euros.
Desde o Concello de Sanxenxo infórmase que para tramitar estas axudas extraordinarias hai que descargar o modelo de solicitude que se encuenta na web e presentala vía telemática (sede. sanxenxo.es) ou a través do correo electrónico [email protected] xunto a unha copia do NIF, DNI ou NIE. Os perceptores do plan de emerxencia social, non poden acollerse ás citadas tarxetas extraordinarias.