Quince especialistas reforzarán a atención médica do Hospital do Salnés

O Salnés
21 de febreiro 2023

O cadro médico do Hospital do Salnés vaise reforzar a curto prazo. A Xunta de Galicia convocará por concurso de méritos catro prazas de medicina interna, catro de radiodiagnóstico, catro de pediatría e tres de traumatoloxía. Así o deu a coñecer este martes o conselleiro de Sanidade

Visita de Julio García Comesaña ao Hospital do Salnés
Visita de Julio García Comesaña ao Hospital do Salnés / Sergas

O cadro médico do Hospital do Salnés vaise reforzar a curto prazo. A Xunta de Galicia convocará por concurso de méritos 15 prazas de especialidades médicas: catro de medicina interna, catro de radiodiagnóstico, catro de pediatría e tres de traumatoloxía.

Así o deu a coñecer este martes o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no marco dunha visita ás obras da central de esterilización do Hospital do Salnés, acto no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Luis López Diéguez, e polo xerente da área, José Flores Arias.

O conselleiro explicou que con estas prazas están "blindado a estabilidade dos servizos máis críticos dun hospital como este" nos vindeiros dous anos, nos que terán ese núcleo do cadro de persoal fixo que non se moverá nin nas ofertas públicas de emprego nin nos concursos de traslados.

En canto á obra da nova central de esterilización, na que o Goberno galego vai investir 1,3 millóns de euros, Comesaña destacou que duplica o espazo da anterior, pasando de 120 a 293 metros cadrados.

Esta zona está dotada coa última tecnoloxía de desinfección, esterilización e lavado, cun sistema completo de trazabilidade e conecta, de xeito directo, co bloque cirúrxico.

Comesaña tamén anunciou que o Hospital do Salnés vai seguir tendo melloras tecnolóxicas, participando nas vindeiras licitacións centralizadas como a de estacións de quirófano; melloras estruturais nas áreas de hospitalización a domicilio, saúde mental ou a base do 061; e melloras en materia de dotación de persoal.

Tamén sinalou que a Lei de provisión extraordinaria de prazas de difícil cobertura, ademais de novos profesionais para o Hospital do Salnés, posibilitará a incorporación de médicos á atención primaria da comarca, co obxecto de paliar a falta de facultativos que afecta a todo o Estado, pero que está a ser máis intensa nesta área.

En particular, a Xunta incluirá, na convocatoria por concurso de méritos, unha praza de pediatría e dúas novas prazas de medicina de familia no centro de saúde de San Roque, en Vilagarcía de Arousa, que se unirán ás catro cubertas no concurso de 2022.

Ademais, convocarase unha nova praza de medicina de familia no centro de saúde do Grove, que se unirá á recentemente cuberta do concurso anterior, e unha praza de pediatría nese mesmo centro.

Tamén está previsto convocar dúas prazas de pediatría en Sanxenxo, vacantes na actualidade, e unha praza de pediatría compartida entre a Illa de Arousa e Ribadumia, actualmente cuberta en interinidade.

En total, o conselleiro sinalou que van facilitar a cobertura de 23 novas prazas fixas para incorporar profesionais estables á atención médica da comarca do Salnés, 15 no hospital comarcal; tres na medicina de atención primaria e facendo gardas nos PACs, complementando aos 11 que se incorporaron no anterior concurso; e cinco nas prazas de pediatría dos centros de saúde.