Quince casas rurais de Pontevedra participan na décimo sexta edición do 'Outono Gastronómico'

Pontevedra
06 de setembro 2022

As casas rurais deberán ofrecer aos seus clientes dous menús diferentes deseñados de maneira específica para esta campaña, que terán que incluír na súa composición produtos galegos con certificación de calidade

Presentación da décimo sexta campaña 'Outono Gastronómico'
Presentación da décimo sexta campaña 'Outono Gastronómico' / Xunta de Galicia

Un total de 73 casas rurais de Galicia participarán na décimo sexta edición da campaña Outono Gastronómico, que se desenvolverá entre os días 16 de setembro e 18 de decembro para promover produtos singulares da gastronomía galega.

Dos establecementos rurais participantes nesta edición, segundo explicou este martes a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, 22 atópanse na provincia de Coruña, 19 en Lugo, 17 en Ourense e 15 en Pontevedra.

Castro, que presentou os detalles desta campaña en Sanxenxo, destacou que esta cita é unha "gran oportunidade" para promocionar a gastronomía de Galicia, entre eles os viños e licores tradicionais con denominación de orixe.

As casas rurais deberán ofrecer aos seus clientes dous menús diferentes deseñados de maneira específica para esta campaña, que terán que incluír na súa composición produtos galegos con certificación de calidade.

Ademais, a campaña incluirá un autobús promocional de dous pisos polas principais cidades de Galicia, no que se repartirán premios con estancias en casas rurais e 1.400 carballos cos que queren favorecer a plantación de especies autóctonas.