Para esta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva", Conservas Pescamar propónnos unha receita que incorpora un dos produtos máis prezados das nosas costas e que forma parte da súa gama gourmet: as zamburiñas das rías en salsa de vieira con aceite de oliva.
As zamburiñas son un manxar para o padal e moi valoradas nutricionalmente pola súa alta composición en proteína e a inexistencia de graxas. Ademais, entre os minerais, destaca a achega de fósforo, potasio, calcio e ferro.
Para preparar esta deliciosa 'Quiché' de zamburiñas Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 2 latas de zamburiñas das rías en salsa de vieira con aceite de oliva
- 1 tomate
- 1 cabaciña
- 1 cebola
- 200 ml de leite evaporado
- 3 ovos
- Aceite
- Sal e pementa
- Para a masa: 150g de fariña, 75g de manteiga
Preparación:
Colocamos a fariña sobre o mármore en forma de volcán e poñemos no centro a manteiga en tacos pequenos, un pouco de sal e 2 ou 3 culleradas de auga. Traballamos lixeiramente a masa ata obter unha pasta ligada. Deixamos repousar 30 minutos.
A continuación, estiramos a masa cun rodete e forramos coa mesma un molde de torta. Picamos o fondo cun garfo e poñémola a cocer no forno durante 8 minutos.
Cortamos a cebola e fritímola en aceite de oliva a lume suave ata que comece a estar tenra. Engadimos o tomate e a cabaciña cortados en porcións e sofritimos.
Retiramos a mestura do lume. Enxugamos os ingredientes e mesturámolos co contido das dúas latas de zamburiñas das rías en salsa de vieira con aceite de oliva. Colocamos a mestura sobre a torta.
Batemos os ovos, engadimos o leite evaporado e sazonamos con sal e pementa. Cubrimos con esta crema a torta e cocemos no forno, a temperatura media, durante 45 minutos aproximadamente.
A 'Quiché' de zamburiñas Pescamar é unha boa alternativa para un menú completo tanto en entrante como para prato principal.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.