Nesta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" imos elaborar unha receita tradicional de México, as quesadillas, onde aproveitaremos todos os beneficios dun dos peixes máis exquisitos e demandados: o bonito do norte.
O bonito do norte Pescamar é un peixe azul rico en graxa saudable, xa que contén unha gran cantidade de ácidos graxos poliinsaturados, indicados para reducir os niveis de "colesterol malo". A esta calidade, hai que engadir os efectos beneficiosos para a saúde cardiovascular da súa presentación en aceite de oliva.
A quesadilla é un prato típico da cociña mexicana que consiste nunha tortilla de millo ou de trigo, dobrada pola metade en forma de media lúa e que está rechea de queixo, como compoñente principal, acompañada doutros ingredientes ao gusto. A tortilla que se usa para esta receita non se refire á tradicional de ovo senón a unha torta fina e redonda elaborada xeralmente con fariña de millo e auga, que se usa na cociña mexicana como ingrediente principal en diversas preparacións.
Para preparar unhas deliciosas quesadillas mexicanas con bonito do norte Pescamar usaremos os seguintes ingredientes:
- 8 tortillas de trigo ou millo
- 2 latas de bonito do norte en aceite de oliva Pescamar
- 1 pemento vermello
- 1 cebola
- 1 lata mediana de millo doce
- 200 gr. de queixo para fundir en liscos
- aceite de oliva virxe extra
- coandro (opcional)
- sal e pementa
Preparación:
Picamos á xuliana moi fino o pemento e a cebola. Nunha tixola, engadimos unha cullerada de aceite e sofriximos o pemento e a cebola. Cando estean tenros, engadimos o millo doce e un pouco de coandro picado. Salpementamos. Retiramos do lume e removemos suavemente ata que se integren os ingredientes. Reservamos a mestura.
As quesadillas prepararémolas unha a unha. Nunha tixola ou unha prancha, quentamos unha tortilla por ambos os lados. Cando estea quente, poñemos unha parte da mestura na metade da tortilla e un pouco de bonito do norte Pescamar. Cubrimos cun lisco groso de queixo e dobramos a tortilla pola metade formando unha media lúa. Mantemos o lume baixo ata que o queixo se funda e damos a volta á tortilla para que se doure polos dous lados. Procederemos do mesmo xeito con cada quesadilla.
Conforme retiramos as quesadillas da tixola, irémolas poñendo nun recipiente cubertas cunha tapa ou un pano para que manteñan a calor.
Outra opción consiste en deixalas a medio facer. Unha vez que dobramos as tortillas, reservámolas, e uns minutos antes de servir, pasamos cada quesadilla pola tixola ata que o queixo estea fundido e as tortillas douradas por ambos os lados.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.