'Quero ser investigadora', o libro da Universidade de Vigo que pretende visibilizar ás científicas contemporáneas

Pontevedra
05 de marzo 2020

A vicerreitoría do Campus de Pontevera celebrou un acto reivindicativo a prol das mulleres, co obxectivo de afianzar o compromiso que ten a Universidade de Vigo coas políticas de xénero. Ademais, levouse a cabo a presentación do libro Quero ser investigadora, que pretende visibilizar ás mulleres científicas contemporáneas

Acto presentación do libro 'Quero ser investigadora'
Acto presentación do libro 'Quero ser investigadora' / Sara Iglesias

En vésperas do Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de Marzo, a vicerreitoría do Campus de Pontevedra organizou un acto reivindicativo a prol das mulleres, co obxectivo de afianzar o compromiso que ten a Universidade de Vigo coas políticas de xénero.  

Ademais, e segundo asegurou a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, este é "un día de celebración pola entrega do VIII Premio de compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo uviguala 2020, que todos os anos se outorga a alguén que nese ano destacou por facer algunha actividade a prol da igualdade". Neste 2020, o premio vaise entregar á delegación de alumnado de Telecomunicacións, por ser os primeiros en ter a iniciativa de montar os puntos lila durante as festas en Pontevedra.

A Unidade de Igualdade presentará próximamente o 3º Plan de Igualdade ao alumnado e a Comisión da Universidade. Tamén contan cun itinerario virtual en formación de xénero, que se iniciará en abril e que está destinado ao alumnado, ao Persoal Docente e Investigador (PDI) e ao Persoal de Administración e Servizos da Universidade (PAS). Por outra banda, daranse a coñecer os resultados dun estudo de impacto e valoración das políticas de igualdade e de xénero na Uvigo. Gómez asegurou que "é moi importante involucrar o alumnado nestas actividades porque son o futuro, e deles podemos apender moitas cousas". Para rematar, manifestou que "esta é unha iniciativa pioneira en toda España".

Pola súa banda, a vicerreitora da Comunicación e Relacións Instituicionais, Mónica Valderrama, mostrou o proxecto 'Mulleres [Rur]urbanas', que está baseado no Inside Out Project, do artista francés JR e que anima a xente a expresarse a través de retratos. En consonancia con el, expúxose o plan 'Bravas Mulleres da Universidade de Vigo'. O lema desta iniciativa é 'Bravas', para mostrar a fortaleza das mulleres. O proxecto é gráfico e conta con 18 retratos en 6 carteis de 3 fotos cada un.

O acto tamén serviu como presentación do libro Quero ser investigadora, que pretende visibilizar ás mulleres ciéntificas contemporáneas e espertar a vocación investigadora entre as nenas e nenos. Desde a Unidade de Cultura Científica, Lucía Calvo manifestou que se fala de mulleres como Marie Curie ou Ada Lovelace, que están xa "moi afastadas da realidade das nenas de hoxe en día". A finalidade desta Unidade é romper moldes e ensinar á cativada a existencia de investigadoras coétaneas. O libro contén os testimonios de dez investigadoras de diferentes ámbitos da UVigo, como chegaron ata onde están e cales foron os motivos que as levaron a convertirse en investigadoras. O obxectivo da UVigo é o de difundir este libro en institutos de secundaria e o PDF estará dispoñible na súa páxina web para descargalo de balde. 

Para rematar, levouse a cabo a lectura dun manifesto feminista a cargo dunha representante do estudantado.