Queres participar nunha cata a cegas de viños Rías Baixas?

Pontevedra
22 de outubro 2018

A Deputación de Pontevedra e a Denominación de Orixe Rías Baixas organizan conxuntamente unha cata a cegas amateur no castelo de Soutomaior para o vindeiro domingo 11 de novembro, coincidindo co Día Europeo do Enoturismo

Carmela Silva e Juan Gil
Carmela Silva e Juan Gil

A Deputación de Pontevedra e a Denominación de Orixe Rías Baixas organizan conxuntamente unha cata a cegas amateur no castelo de Soutomaior para o vindeiro domingo 11 de novembro, coincidindo co Día Europeo do Enoturismo.

Segundo indicaron en rolda de prensa a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o presidente da D.O. Rías Baixas, Juan Gil, o obxectivo é achegar á cidadanía as distintas variedades vitivinícolas existentes na denominación de orixe, "poñendo en valor os nosos produtos", ao tempo que se pretende "reforzar a conciencia cidadá " sobre os viños das Rías Baixas, "que identifican ao noso territorio por todo o mundo e que cada vez contan con máis influencia e prestixio".

Carmela Silva salientou a "potencialidade inmensa" do sector vitivinícola, non só ligado á produción e á internacionalización senón á "espectacular" capacidade de atracción turística "desestacionalizadora".

Pola súa banda, Gil de Araujo lembrou que esta cata a cegas "é unha actividade moi divertida" se viña celebrando sempre na vila de Cambados, e explicou ás súas daracterísticas: empezará ás 11 da mañá e constará de dúas partes.

Na primeira, un sumiller guiará ás persoas participantes na cata de cinco viños diferentes da D.O. Rías Baixas podendo ver de que viños se trata e facendo as anotacións pertinentes, e na segunda parte, a cata será a cegas para acertar de que viños se trata. As persoas que atinen, en cada mesa, serán obsequiadas cun diploma acreditativo, e entre todas elas, sortearase unha visita guiada a unha adega, cunha degustación e cun almorzo.

A actividade compleméntase cunha visita guiada previa ao castelo de Soutomaior, ás 10 da mañá. Ademais, haberá animación musical e degustación de petiscos especiais con produtos de temporada. Aínda que cada mesa só catará cinco viños, as persoas participantes poderán degustar ao final calquera dos viños presentes na iniciativa, que serán entre 40 e 45 diferentes.

As persoas interesadas en apuntarse á cata a cegas no castelo de Soutomaior poden facelo dende hoxe mesmo na páxina www.ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500. O prezo é de 5 euros para quen se achegue en vehículo propio e de 8 euros para quen viaxe en autobús (sairán dende a capela de San Roque en Pontevedra e dende o Centro A Laxe en Vigo). Hai 100 prazas dispoñibles e iranse cubrindo por orde de inscrición.

Tanto Carmela Silva como Juan Gil aproveitaron o acto de presentación desta cata para felicitar ao concello de Cambados, que vén de ser escollido mellor municipio enoturístico de España pola Asociación de Cidades do Viño de España (Acevin).