Quen observe algún mosquito inusual este verán nas Rías Baixas, que saque unha foto e alerte os expertos

Pontevedra
17 de xuño 2020

Mosquitos como o Aedes vittatus xa foi visto pola provincia ou o Aedes japonicus na zona de Asturias. Estas especies africanas poden transmitir o virus do Zika e o dengue. Ademais, alertan de que o mosquito tigre, transmisor da febre amarela, está a espallarse pola Península. A web científica Mosquito Alert pide fotos destes insectos para identificalos e controlalos

Mapa onde se contemplan casos de especies non identificables de mosquitos nas Rías Baixas
Mapa onde se contemplan casos de especies non identificables de mosquitos nas Rías Baixas / Mosquito Alert

A páxina de información científica GCiencia alerta, nun artigo de Victoria García, que continúa a expansión de especies invasoras cara a Galicia. Neste caso, fai referencia a dous mosquitos de orixe africana que están relacionados coa transmisión de enfermidades graves.

En setembro de 2017 localizábase en Arbo, na provincia de Pontevedra, un exemplar de Aedes vittatus, unha especie que se propaga por África e Asia. As femias deste insecto son capaces de transmitir o virus do Zika, que provoca a febre do Zika, unha enfermidade que ten como síntomas conxuntivite, malestar muscular e febre. Está demostrado que tamén transmite o virus da febre amarela en monos de laboratorio. En todo caso, o informe de vixilancia entomolóxica do Ministerio de Sanidade entende que aínda ofrece índices baixos para transmitir enfermidades entre a poboación peninsular.

Outro exemplar atopado, segundo o Ministerio de Sanidade, nas proximidades do norte de Galicia, na zona de Asturias, é o Aedes  japonicus. Os especialistas sinalan que é tarde para detelo e estenderase nos próximos anos por Galicia, Euskadi e o centro da península. Este mosquito transmite o virus do Nilo Occidental e, segundo os estudos científicos, é un vector competente para transmitir virus como o dengue ou o chikungunya

Pero o mosquito tigre, Aedes albopictus, é o que resulta máis preocupante ante o seu espallamento actual por todo o litoral mediterráneo. Segundo  GCiencia, a posibilidade de que apareza en Galicia aínda resulta unha incógnita. Conta coa auga necesaria para que as femias depositen as larvas pero, polo momento, non parece que se vexa atraído polas temperaturas desta área xeográfica. 

En todo caso, o portal científico Mosquito Alert xa analizou algunhas fotografías de exemplares con similares formas detectados nas Rías Baixas. Este proxecto solicita á cidadanía que faciliten imaxes daqueles insectos que resulten inusuais para que os científicos que forman parte desta plataforma poidan investigalos. Sinalan, ademais, que desde Galicia hai pouca participación nesta iniciativa e lembran que, a través destas imaxes, poden comprobar a dinámica das poboacións daqueles mosquitos capaces de transmitir enfermidades graves e pódense deseñar estratexias efectivas para controlalos e erradicalos. 

En Galicia, a Rede Galega de Vixilancia de Vectores, pertencente á Consellería de Sanidade, tamén traballa no control de entrada tanto de mosquitos tigre como de carrachas Hyalomma, vectores do virus de Crimea-Congo. Sinalan nos seus informes que a detección da entrada do mosquito tigre é complexa e por iso precísanse varias fórmulas para tentar evitar que chegue a expandirse por Galicia, como o uso de trampas e os avisos desde as consultas de atención primaria.