A Deputación de Pontevedra insta á Xunta de Galicia a recuperar o Pazo de Lourizán. Así se decidiu este luns no pleno provincial que, cos votos do Partido Socialista e o BNG, aprobou unha moción na que culpan ao goberno galego do abandono que sofre este emblemático edificio mentres que o Partido Popular sinalou á administración provincial como a "única responsable" do estado do inmoble.
Na moción, defendida polo socialista Carlos López Font, reclámase ao executivo que preside Alberto Núñez Feijóo que "de forma inmediata" cumpra co convenio en vigor que lle obriga á conservación do pazo.
Nesta iniciativa política inclúese a advertencia ao goberno galego de que se non actúa a Deputación se reserva a posibilidade de acudir ás vías legais para reclamar que a Xunta cumpra a lei de patrimonio. A día de hoxe este histórico edificio presenta "problemas de estabilidad estructural, que no está ni mucho menos garantizada" e ademais "a cuberta está en rega de afundirse".
López Font indicou que "la Xunta debe asumir las obras de conservación respetando el conjunto arquitectónico" e lamentou que a Deputación leva "soportando a inacción" e a "falta de resposta" da administración autonómica "durante moitos anos" e puxo como exemplo que "por no pagar la Xunta ni pagó los recibos del IBI, ni las tasas de recogida de la basura".
A Deputación estima que o importe da rehabilitación do pazo alcanzaría os 14,2 millóns de euros.
Pola súa banda o portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, lembrou que "o propietario do Pazo é a Deputación" e insistiu en que "cando lles ofreceron un investimento importante no pazo rexeitárona sen ningún tipo de pudor".
O vicepresidente Alfonso Rueda foi quen propuxo rehabilitar o Pazo de Lourizán da man da empresa Ence, ao consideralo unha boa idea para a administración pública desde o punto de vista económico, técnico e en canto á axilización de prazos. A empresa pasteira financiaría gran parte dos traballos de recuperación do Pazo, destinando cinco millóns de euros para a rehabilitación e cinco máis para un centro de investigación, sen que se perdese a titularidade do inmoble.
Este histórico edificio presenta "problemas de estabilidad estructural, que no está ni mucho menos garantizada"
Ángel Moldes mostrouse de acordo en que o Pazo de Lourizán "necesita unha actuación urxente inmediata, non se pode perder ese patrimonio" pero entende que "vostedes son os únicos culpables de que non se interveña" pola "obsesión que algún grupo ten con algunhas empresas desta cidade".
Finalmente o portavoz do BNG e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, reprochou aos populares o seu "defensa numantina de ENCE" e criticou que "hai que regalarlle o Pazo a ENCE, igual que tamén se lle regalan os terreos que ocupa".
Mosquera lembroulles aos deputados do PP que o seu partido tamén reclamou á Xunta a rehabilitación do Pazo de Lourizán cando gobernaba o bipartito e dixo que agora "tratan de encubrir a responsabilidade que teñen". "Aquí viñeron a lavarlle a cara á Xunta", concluíu o nacionalista.