O "pésimo servizo ao cliente" da estación de tren de Pontevedra desatou este xoves o enfado dunha clienta. Tras reprocharllo ao propio persoal nas instalacións, trasladouno a PontevedraViva e á empresa pública Renfe a través de varias publicacións dirixidas a Renfe na rede social Twitter.
@Renfe servicio al cliente en Pontevedra es pésimo.No es la 1era vez.Hacer una queja es absurdo, te ignoran. #pesimoservicioalcliente
— Amancay Tapia (@amancaytapia) 30 de noviembre de 2017
A usuaria, de orixe pontevedresa, mesmo xerou un hashtag para resumir a situación, #pesimoservicioalcliente. En declaracións posteriores a PontevedraViva explicou que o enfado tivo a súa orixe nun incidente vivido na mañá deste xoves, cando acudiu á estación para comprar dous billetes de Pontevedra a Santiago, un de ida para ela e outro de ida e volta para o seu pai.
Segundo relata, estaba na cola cando presenciou unha situación desagradable na que unha das persoas que estaba a vender os billetes respondeu de malas formas a un señor que lle dixo que quería que lle aplicase o desconto de pensionista, pero, ao parecer, dixérallo tarde, pois xa emitira o billete.
Cando lle atenderon a ela e dixo que quería pagar con tarxeta, volveu recibir unha mostra de "mala educacion, chulería y falta de cortesía". O traballador que a atendeu díxolle, literalmente, "me tenías que haber dicho antes que ibas a pagar con tarjeta, joder". Esta última palabra é a que peor lle sentou, pois considera que unha persoa que traballa en atención ao público non pode utilizar insultos e palabrotas.
No seu caso, acompañábana a súa filla e o seu pai, de modo que esa expresión sentoulle aínda peor. Ademais, considera que o xesto pode estar "rondando el abuso". Finalmente, cobráronlle co cartón, pero non sen antes recibir unha mala contestación.
Esta usuaria engade que esta non é a primeira vez que recibe un trato similar na estación de Pontevedra, o que demostra que "tienen que renovarse". Nunha ocasión anterior mesmo se negaron a cobrarlle coa mesma tarxeta coa que hoxe si pagou porque non era válida.
Noutro caso tivo un incidente mesmo maior pero xa dentro de propio tren, nunha situación allea á estación pontevedresa, pero que a enfadou tanto que presentou unha reclamación. Dado que naquel momento non deu resultado esa queixa, esta vez xa nin o fixo, pois "no sirve de nada".