A vicevoceira do Partido Socialista de Galicia, Paloma Castro, acusou este luns de "mala fe" á Xunta de Galicia ao abrir o período de alegacións ao proxecto do parque eólico dos Cotos "en plenas festas de nadal".
Segundo a representante do PSdeG-PSOE "o goberno da Xunta vólvese a render novamente ás eléctricas", acusou nun encontro coa executiva do seu partido en Cerdedo-Cotobade, despois de que o pasado 24 de decembro, día de Noiteboa, o Diario Oficial de Galicia anunciase que somete a información pública o proxecto do parque eólico.
Esta iniciativa, asegura Castro, xa fora declarado no mes de outubro como prioritaria "co obxectivo de realizar unha tramitación urxente e reducir os prazos con respecto ao procedemento común".
Por ese motivo pediu "unha estratexia conxunta entre concello e propietarios en relación aos prazos", á vez que anunciou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para instar o goberno galego a informar sobre as características do proxecto e da súa afectación á veciñanza, así como a elaborar un informe desde Augas de Galicia sobre a afectación aos ríos da contorna.
REUNIÓN ENTRE O CONCELLO E A PLATAFORMA ASÍ EÓLICOS NON
Este domingo 2 de xaneiro tamén se produciu un encontro entre representantes do Concello de Cerdedo-Cotobade e da Plataforma Así Eólicos Non.
Entre os asuntos tratados a plataforma confirmaron a súa asistencia á concentración de protesta que o goberno local ten previsto convocar o día 9 de xaneiro, aínda que pediron levar as súas reivindicacións tamén ante a delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra.
Segundo sinala Así Eólicos Non a súa loita non só se centra neste proxecto dos Cotos senón na "invasión eólica" que ameaza ao municipio con ata 14 iniciativas de instalación de parques no seu territorio.