Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular, realizaba nas últimas horas un percorrido por diferentes puntos do municipio para, a continuación, lamentar a escaseza de iluminación do Nadal en barrios e parroquias. "Dá pena", afirma referíndose á situación en Monte Porreiro: "só hai seis arcos lumínicos para un barrio onde viven 8.000 veciños".
As críticas continúan tamén en referencia a outros espazos da zona urbana como A Parda, A Seca ou Mollavao "con rúas principais sen apenas luz nin decorado do Nadal". Asegura que é necesaria unha mellora da iluminación no centro da cidade e ten que chegar tamén aos barrios e ás parroquias onde, expón, "as luces son escasísimas".
"Poñer as luces tarde e mal foi un despropósito e unha pena", afirma e responsabiliza ao goberno local por estar "canso, sen ideas" e sinala que prexudicou ao comercio local e á hostalería.
Domínguez indica tamén que o BNG e o PSOE "se negaron rotundamente" ás propostas de axuda ao comercio e hostalería que propoñían os populares.