Queixas do persoal sanitario do Salnés polo uso da ambulancia medicalizada do 061 con pacientes non críticos

O Salnés
20 de setembro 2024

Lembran que este vehículo debe atender urxencias que requiran soporte vital avanzado de carácter extrahospitalario e realizar traslados medicalizados de pacientes críticos ingresados no Hospital do Salnés a outros centros para tratar casos complexos. Pola contra, o persoal denuncia que se está utilizando para realizar traslados interhospitalarios de pacientes non críticos, uso para o que a comarca xa conta cunha UVI móbil

Instalacións da nova base da ambulancia medicalizada do Salnés
Instalacións da nova base da ambulancia medicalizada do Salnés / Área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, SERGAS

Persoal sanitario do distrito do Salnés da área sanitaria alerta sobre a situación "desafortunada" que se adoptou dende a xerencia en relación ao servizo de ambulancias na comarca.

Indican que a ambulancia medicalizada do 061 con base no Hospital do Salnés, que foi reformada recentemente, estase a utilizar para realizar traslados de pacientes non críticos entre hospitais.

Esta ambulancia, lembran, incorporábase en outubro de 2019 a esta comarca co obxectivo de atender as urxencias que requiran soporte vital avanzado de carácter extrahospitalario, ademais de realizar traslados medicalizados de pacientes críticos ingresados no Hospital do Salnés a outros centros para tratar casos complexos.

Explican que o Hospital do Salnés conta cunha ambulancia UVI móbil desde hai máis de dúas décadas e é a encargada de realizar a totalidade dos traslados de pacientes ingresados non críticos no centro que precisen ser derivados a outros centros.

Para este servizo, a UVI conta con persoal médico e enfermeiro do servizo de Urxencias do propio Hospital con gardas localizadas remuneradas para cubrir as demandas que se produzan.

O persoal que emite o comunicado, encabezado polo médico do 061, Javier Sanz Smith, advirte que, tras a visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, os traslados medicalizados de pacientes ingresados no Hospital do Salnés a outro hospital de maior nivel asignáronse "practicamente na súa totalidade" á ambulancia medicalizada do 061.

Entenden que esta decisión supón que esta ambulancia estea "ocupada" realizando traslados de pacientes non críticos a Santiago, Vigo, A Coruña ou Ferrol.

Sinalan que desta forma, a ambulancia medicalizada dedica menos tempo á poboación da comarca para casos de gravidade por paradas cardio-respiratorias, infartos, ictus ou accidentes de tráfico ou laborais en rúas, domicilios ou centros de traballo da zona.

"Esta medida supón retroceder 5 anos no tempo, cando na comarca non se dispoñía do valorado recurso medicalizado do 061", advirten.

Os profesionais entenden que a decisión débese a unha "mala xestión" por parte de xerentes e coordinadores "debidas ás protestas de parte deste colectivo no verán pola disposición dos recursos" co desprazamento a Sanxenxo da ambulancia medicalizada do 061 durante os meses de verán.

Pregúntanse onde se está reinvestindo o orzamento que se utilizaba para os traslados secundarios de pacientes non críticos.

"O persoal sanitario non pide premios nin recoñecementos, pide coherencia e 'sentidiño', poñendo o foco na poboación que os necesita, non na comodidade organizativa dos 'servizos hospitalarios' e insta a quen proceda na Consellería ou quen teña o poder de decidir, revogue esta decisión absurda", demandan no escrito.

Piden o apoio de asociacións e colectivos para evitar que esta decisión sexa "irreversible" ao entender que afecta a unha poboación de máis de 100.000 habitantes que queda sen cobertura mentres a ambulancia medicalizada realiza estes traslados non urxentes.