Queixas á Inspección Educativa polos horarios vespertinos establecidos no IES Frei Martín Sarmiento

Pontevedra
18 de setembro 2020

Padres de estudantes amosan o seu malestar por horarios de tarde que van desde as 15.50 ata as 22.10 horas. Sinalan que estas quendas causarán un grave prexuízo para realizar actividades deportivas e extraescolares ademais de provocar malestar físico e psicolóxico. No escrito sinalan que este alumnado vai atoparse en desvantaxe académica respecto a outros estudantes

Aula do IES Martín Sarmiento
Aula do IES Martín Sarmiento

Pais de estudantes de Bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento mostraron o seu malestar ante a Inspección Educativa da Xunta de Galicia despois de recibir un comunicado deste centro no que indican que para esta Inspección a única solución para facer fronte á situación pandémica é a reorganización de quendas e establecer un horario vespertino para estes estudantes no centro.

Segundo denuncia Óscar Núñez, un dos pais de alumnos afectados, o horario que se establece vai desde as 15.50 horas ata as 21.20 ou mesmo ata as 22.10 horas, dependendo do día da semana.

Estes representantes de pais trasladaron un escrito á Inspección de Educación sinalando que este horario de tarde é inadecuado porque as clases serán "practicamente nocturnas". Entenden que isto supoñerá unha baixada de rendemento académico nos mozos de 16 e 17 anos ao supoñer un cambio de rutina tanto de asistencia a clases como de horario de estudo en domicilio.

Sinalan que estes estudantes non chegarán aos seus domicilios antes das 22.30 ou das 23.00 horas, sen cear e con cansazo acumulado de toda a xornada. Ademais, alertan das incomodidades que conlevará para algúns pais recoller os seus fillos no centro a esas horas.

Denuncian que se crea un grave prexuízo para a realización de actividades deportivas e outras iniciativas extraescolares que, por norma xeral, se realizan polas tardes. Deixar estas actividades supoñerá, segundo afirman no escrito, un malestar físico e psicolóxico no alumnado que se vexa afectado por este horario.

Tamén destacan que clubs e asociacións deportivas non poden axustar os seus horarios de actividades a estas quendas e os estudantes terán que abandonalos. Por este motivo, os pais sinalan que os estudantes se atoparán en desvantaxe académica respecto a os doutros centros e solicitan á Xefatura Provincial de Educación unha revisión destes horarios.