Quedan prazas para unirse ás clases de educación de adultos en Moraña

Umia
23 de xaneiro 2024

As clases, orientadas a persoas maiores de 18 anos que sexan veciñas de Moraña e carezan do título da ESO, desenvolveranse os luns, martes e xoves laborables de 21.00 a 23.00 horas na Casa da Cultura

O alcalde de Moraña e membros do goberno local visitan o alumnado das clases de Educación de Adultos
O alcalde de Moraña e membros do goberno local visitan o alumnado das clases de Educación de Adultos / Concello de Moraña

O Concello de Moraña retoma as clases de educación de adultos, orientadas á obtención do título de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO), que foran paralizadas a raíz da pandemia.

"Cremos que, dado que xa estamos en plena normalidade, é un gran momento para ofrecerlle de novo este servizo aos veciños e evitarlles desprazamentos a Pontevedra para preparar estes exames e completar a súa formación", sinalou o alcalde, Sito Gómez.

O rexedor asistía, acompañado de varios membros do goberno local, á inauguración desta actividade lectiva para darlle a benvida e desexarlle sorte os participantes.

Dende o Concello infórmase de que o prazo de inscrición aínda está aberto, xa que restan unhas poucas prazas libres ata completar o límite de 20 participantes.

As clases, orientadas a persoas maiores de 18 anos que sexan veciñas de Moraña e carezan do título da ESO, desenvolveranse os luns, martes e xoves laborables de 21.00 a 23.00 horas na Casa da Cultura

Os exames finais realizaranse nos centros homologados da capital provincial cando completen esta formación.

As persoas interesadas en inscribirse nesta Escola de Adultos de Moraña poden formalizar a súa matrícula, de xeito completamente gratuíto, na casa consistorial, a propia Casa da Cultura ou chamando ao número de teléfono 986553005, no que tamén se achegará a información necesaria.