"Quedamos como entramos", así resumen as confrarías a reunión do saneamento

Pontevedra
10 de maio 2016

Os patróns maiores das confrarías de San Telmo, Lourizán e Raxó, os alcaldes de Pontevedra, Marín e Poio, e as conselleiras de Medio Ambiente e de Mar, sentaron este martes para falar do saneamento da ría nunha reunión que se celebrou na delegación da Xunta en Campolongo e tras a que segundo resumiu a patroa maior de Lourizán, Mari Carmen Vázquez, "quedamos como entramos"

Reunión para abordar o saneamento da ría de Pontevedra / Xunta de Galicia

Os patróns maiores das confrarías de San Telmo, Lourizán e Raxó, os alcaldes de Pontevedra, Marín e Poio, e as conselleiras de Medio Ambiente e de Mar, sentaron este martes para falar do saneamento da ría nunha reunión que se celebrou na delegación da Xunta en Campolongo e tras a que segundo resumiu a patroa maior de Lourizán, Mari Carmen Vázquez, "quedamos como entramos".

"De tanto escoitar sempre o mesmo foi coma se non nos dixesen nada", dixo a patroa quen destacou a vontade compartida por todas as partes de solucionar a contaminación da ría.

A frustración dos mariscadores e bateeiros débese á falta de inmediatez nas medidas para aplicar. Estes profesionais urxían iniciativas nalgúns puntos da ría para "minimizar" este "gran problema" que repercute nos seus ingresos desde hai unha década cando se degradou a calidade da auga por presenza de bacterias coliformes declarándose zona C, Lourizán, despois seguiron os bancos da Puntada, Polvorín, Río Lérez, despois chegou Raxó, e hai dous anos foi o polígono de bateas de Portonovo.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrouse optimista, "espero que o resultado sexa positivo", sinalou. "Indiscutiblemente discrepamos", engadiu.

Esta disparidade de criterios parte da identificación dos problemas que sofre a ría. Para o alcalde da capital son catro: a capacidade da depuradora dos Praceres, a ampliación do emisario submarino, a separación de pluviais e residuais, e cuarto incorporar a depuración biolóxica. Ata aí coinciden todos, pero FernándezLores inclúe entre os causantes da contaminación ao complexo industrial de Ence.

Algo que para a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, é unha "teima" do rexedor nacionalista "que non se xustifica con ningún dato".

Polo demais, o alcalde instou á Xunta que a primeira obra que leve a cabo no seu municipio se centre en acabar coas verteduras por Cocheiras. O goberno local sostén que o ancho dunha tubaxe instalada durante a construción da variante de Marín é insuficiente e provoca alivios de fecais por Mollavao.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, insistiron na necesidade de que a Xunta de Galicia achegue aos concellos fondos europeos para realizar a parte do saneamento local que lles corresponda.

E finalmente as conselleiras de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e do Mar, Rosa Quintana, ademais de sinalar o saneamento integral de todas as rías é unha "prioridade absoluta" para o goberno galego desde o ano 2009 insistiron en que se investirán 45 millóns de euros para a ampliación "fundamental e prioritaria" da depuradora dos Praceres aos que Mato engadiu 15 millóns de euros "comprometidos pola empresa Ence" para este fin.

Con este propósito reclamarán desde a Xunta ao Ministerio de Medio Ambiente a "máxima colaboración e celeridade" na regularización dos terreos sobre os que está situada a EDAR para poder licitar a súa ampliación.

As conselleiras tamén subliñaron que o goberno galego ten en marcha catro actuacións por máis de once millóns de euros, entre as que se atopa a redacción do plan de saneamento local, xa adxudicado pola Xunta, e diferentes obras en Marín e Poio, para as que se reservan 4 e 5,7 millóns, respectivamente.

A próxima reunión terá lugar o 1 de xullo.

Arquivado en