Xa está aquí o Entroido 2025. O rei Urco, como é habitual, desembarcou en Pontevedra para inaugurar os festexos e, nesta ocasión, acompañáronlle, como pregoeiros, os integrantes da comparsa Las flores del Carnaval.
"Un ano máis, o Entroido chega a Pontevedra, o mellor Entroido urbano do mundo mundial", anunciou o rei Urco, que avanzou xa "unha semana chea de sorpresas" antes de que o confeti e a música dos pregoeiros puxesen a guinda ao acto con referencias a Ravachol.
Na praza da Ferrería reuníronse os máis adeptos do Entroido e gozaron dos primeiros momentos da festa, aos que tampouco faltou o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores. Como xa é case tradición, a presentadora do acto foi María Carreira.
A noite incluíu unha invitación para o rexedor. Os pregoeiros quixeron aproveitar a súa presenza no escenario para manifestar o seu desexo de que o próximo ano "o alcalde Lores se anime a ser a nosa raíña do Entroido".
Nesta inauguración formal das festas, Las flores del Carnaval fixeron un repaso polos seus 15 "fermosos e intensos anos" de historia, desde que naceron con tan só cinco integrantes no barrio de Monte Porreiro. Na actualidade teñen unha media de 70 integrantes.

Para eles foi "unha auténtica honra e pracer" ser os pregoeiros deste 2025, para compartir a apertura de "un dos momentos máis coloridos e divertidos do ano".
Non se esqueceron de ninguén desde o escenario e trasladaron un "grande e sonoro grazas" ao resto de grupos, comparsas e participantes do Entroido pontevedrés, agradeceron ao Concello o seu "enorme programa" festivo e dirixiron o seu principal agradecemento ao público.
Os pontevedreses e pontevedresas son "a base do noso esforzo cada ano por superarnos", recoñeceron. "Sen vós, o Entroido non sería posible", indicaron, para engadir aos presentes na céntrica praza que "o voso desfrute é o noso desfrute".
Os dous integrantes da comparsa encargados do pregón acordáronse tamén de cada un dos seus compañeiros e resumiron que Las flores del Carnaval "somos unha cohesión de moitas e diferentes flores; e algún que outro capullo".
Neste momento para eles "inesquecible", tiveron tamén chiscadelas para a actualidade local, co lecer nocturno, os premios Feroz e a Copa do Rei que se lle resistiu ao Pontevedra Club de Fútbol como protagonistas.