Queda deserta a licitación do novo contrato do lixo e o Concello explorará "novas vías contractuais"

Pontevedra
07 de xuño 2023

A licitación do novo contrato para a xestión da recollida de lixos e a limpeza viaria de Pontevedra sufriu un duro revés. Ningunha empresa presentou oferta e o proceso foi declarado deserto. Así o anunciou este mércores o edil Raimundo González

Raimundo González
Raimundo González / Mónica Patxot

A licitación do novo contrato para a xestión da recollida de lixos e a limpeza viaria de Pontevedra sufriu un duro revés. Ningunha empresa presentou oferta e o proceso foi declarado deserto. Así o anunciou este mércores o edil Raimundo González.

As condicións impostas para facerse con este servizo municipal, que saía a concurso por 11,7 millóns de euros anuais -234 millóns ao longo dos 20 anos de contrato-, non interesou a ningunha compañía do sector. Tampouco á actual adxudicataria, Prezero.

González sostivo que "na miña humilde apreciación", en base ás conversacións mantidas con diversos operadores, existe unha "resistencia" na patronal do sector á nova lei de residuos e as directivas europeas aprobadas nesta materia.

O contrato licitado por Pontevedra, que recollía todo o ciclo integral dos residuos, incluía todos os requirimentos da lei estatal que, entre outras cousas, obriga a reciclar o 55% de todos os residuos para o horizonte de 2025 -que se eleva ao 65% en 2035-.

Ademais, o Concello detectou que as compañías eran "reacias" a recibir unha retribución variable en función de se se alcanzaban ou non os obxectivos marcados no contrato ou da percepción e as queixas que presentasen os cidadáns sobre o funcionamento do servizo.

A ausencia dun canon fixo, a fórmula retributiva á que o sector está "acostumbrado", sería un dos elementos que menos simpatía producía entre os licitadores.

Esta situación abre agora un novo escenario. O Concello insiste en considerar "fundamental" cumprir a lei española e as directivas europeas e considera "irrenunciables" os obxectivos ambientais que se estableceron porque "non era un capricho senón que é o futuro".

"O sector ponos a proba, e eu teño que dicir que non me dobrego ante el. Quero uns obxectivos medio ambientais concretos para a miña cidade e vou pelexar por eles, sexa como sexa", subliñou o edil.

Raimundo González avanza que se explorarán "novas vías contractuais" e exporase licitar de novo o contrato cambiando a súa fórmula xurídica, pasando a ser un contrato de servizos o que reduciría a súa duración e permitiría establecer un canon fixo anual.

Iso si, ao retirar da ecuación a retribución variable que propoñía Pontevedra, o Concello anuncia que reforzará a inspección municipal para que haxa unha maior vixilancia, con sancións incluídas en caso de incumprir obxectivos, sobre este servizo.

Fraccionar o contrato "non é o que queremos", sentenciou González, aínda que os técnicos municipais terán que determinar se no mesmo contrato de servizos se pode incluír a limpeza viaria e a recollida de lixo porque "pode ter difícil encaixe xurídico".

Tamén haberá que estudar se dentro dese contrato poderá estar a planta de compostaxe ou se, pola contra, haberá que licitala por separado. A sentenza xudicial que avala o actual contrato cos comuneiros da Canicouva pode achandar este escenario.

En todo caso, por "saúde democrática", o actual goberno en funcións non adaptará ningunha medida nesta materia e non será ata a constitución do novo executivo cando se aclare o futuro dunha licitación que, desde o primeiro día, non estivo exenta de complicacións.