O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza acolleu este luns as exposicións das cinco propostas preseleccionadas dentro da incubadora e aceleradora de proxectos gastronómicos GastroLab.
Un grupo de expertos conformado por representantes de diversas institucións e entidades económicas e académicas escoitou as presentacións destas propostas, no marco dunha iniciativa incluida na Pontevedra Capital Gastro.
Dos 10 proxectos presentados a esta convocatoria, había cinco que non cumprían cos requisitos, polo que quedaron outros cinco.
O primeiro en presentarse foi "Ambrosías" que propón un establecemento hostaleiro especializado na coctelería con viños galegos. A segunda idea exposta, consiste nun restaurante flotante sobre o Lérez con acceso peonil desde a beira. O mesmo emprendedor que lanzou esta idea tamén presenta "Hidroponia Galicia" que é un invernadoiro de cultivo hidropónico nos arredores de Pontevedra.
A cuarta idea de negocio combina percorridos en padel surf polo Lérez cunha oferta gastronómica e finalmente está a "Spanishbox", que é un servizo de envío periódico de caixas de subscrición de comida galega a países da Unión Europea.
O grupo de expertos que este luns coñeceron estas ideas emprendedoras volverá darse cita o 14 de outubro nunha gala final na que, unha vez pasen por un período de formación tutelado pola ‘madriña’ Eva Ballarín, investigadora, divulgadora e Tourism & Horeca expert, escoitarán novamente as exposicións e darán o veredicto do proxecto gañador.
A sesión contou coa presenza da propia Ballarín, así como da responsable da firma Carta Blanca, Elena Vitoria, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e a impulsora de Pontevedra Capital Gastro, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, quenes seguiron con moita atención tódalas intervencións expostas ante unha mesa composta por: Jorge Soto, vicerreitor do Campus Universitario de Pontevedra; o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo; a deputada provincial Ana Laura Iglesias; o presidente do Foro Empresa, Arturo Ramírez; a directora do colectivo de autónomos Ape, Sonia Acuña, e o director rexional da área de Galicia Sur de Banco Sabadell, Rafael Mato Fariña.