Que políticos pontevedreses teñen un máster? Eles cóntannos como o obtiveron

Pontevedra
13 de abril 2018

Dun total de 25 políticos que forman parte da Comisión Municipal, son cinco os que afirman nas páxinas oficiais ter cursado algún tipo de máster. Forman parte dos principais grupos políticos da cidade: BNG, PP e PSOE

Rafael Domínguez, concelleiro do PP
Rafael Domínguez, concelleiro do PP / Gabriela Varela Asorey
Os cinco concelleiros falan sobre as súas experiencias académicas /

O caso do máster de Cristina Cifuentes está a dar moito que falar. Coas recentes declaracións do seu compañeiro de partido, Pablo Casado, cada vez son máis os políticos que teñen que dar explicacións sobre os seus estudos como resposta á furiosa demanda da cidadanía, que esixe coñecer a verdade sobre a súa formación académica. 

Esta non é a primeira vez que saen á luz casos como este. Por poñer un caso máis próximo, en 2017 era a alcaldesa popular de Mos, Nidia Arévalo, a que tiña que facer fronte ás peticións de dimisión por parte do grupo municipal GañaMos por falsear o seu currículo ao afirmar que cursara os estudos de Químicas, un caso que se está volvendo a viralizar nas redes.

A información sobre os estudos dos políticos pontevedreses está a golpe dun clic. Na internet podemos atopar datos oficiais sobre a formación académica dos principais políticos municipais, algúns máis detallados que outros.

Dun total de 25 políticos que forman parte da corporación municipal, son cinco os que afirman nas páxinas oficiais ter cursado algún máster. Forman parte dos principais partidos da cidade: BNG, PP e PSOE. Ao contrario que Cifuentes, todos accederon contar a súa experiencia cursando as súas especializacións e mesmo afirman ter todas as probas necesarias para demostralo.

Alberto Oubiña e Anabel Gulías - BNG

Entre os dous reúnen catro másteres, tres por parte de Gulías e un no caso de Oubiña. Ambos relatan a época na que tiñan que compaxinar os seus estudos co traballo, un labor, coinciden, cada vez máis complicado.

No caso da concelleira de Promoción Económica do Concello, esta conta que o seu primeiro máster foi o de Desenvolvemento Local e Comarcal pola Universidade de Santiago de Compostela, que realizou tras finalizar a súa licenciatura en Ciencias Políticas. Seguíronlle o Máster en Aptitude Pedagóxica (máis coñecido como CAP) e o Diploma de Estudos Avanzados da Universidade de Vigo.

Oubiña, pola súa banda, realizou entre os anos 2013 e 2014 o seu Máster Universitario en Profesorado. No seu teléfono móbil garda unha foto da portada do seu Traballo de Fin de Máster, que busca durante a entrevista para confirmar as datas de realización deste. O traballo, como conta, foi o que máis lle custou, xa que para o seu estudo da utilización das Tics nos centros de ensino do Concello, tivo que facer un arduo labor de recollida de datos.

Ambos coinciden que o custo de recoller o título da súa formación é unha "atrocidade". Por ese motivo, Gulías só pagou polo seu título de CAP para poder opositar. Dos demais títulos só ten, polo momento, a certificación de realizalos.

Os concelleiros son a imaxe viva das novas xeracións de estudantes que teñen que investir en formacións complementarias ademais dos seus estudos universitarios. Por iso din que a realización destes estudos son un síntoma da "mercantilización" do ensino

Rafael Domínguez e María José Rodríguez Teso - PP

Rafael Domínguez fala sobre a época na que cursou o seu máster en Xestión Sanitaria con certo aire de nostalxia. Cualifica a súa experiencia como "distinta y nueva", e admite que llo pasou "muy bien" os 18 meses que duraron os seus estudos semipresenciales no o Centro de Estudos Financeiros de Madrid.

Tras terminar a súa especialidade en Medicina Interna, o concelleiro e doutor lanzouse á realización de máster aproveitando o ritmo de estudos ao que estaba afeito, xa que como relata, é necesario ter forza e ímpeto para poder levar a cabo todos os traballos esixidos nesas titulacións. O seu Traballo de Fin de Máster, polo que obtivo como cualificación un notable, trataba sobre unha Unidade de Dano Cerebral.

A nivel político, explica Domínguez, o seu máster non supón ningún tipo de beneficio. Cursounos nunha época na que a súa familia aínda rexentaba o Hospital Miguel Domínguez, coa intención de aprender as reviravoltas da xestión dese tipo de negocios.

Mª José Rodríguez Teso, comeza explicando que o seu máster non é universitario. Cando en 2001 cursaba quinto curso na Escola de Idiomas, decidiu cambiarse a un novo centro que abría as súas portas, o 'Open English School'. Levou a cabo unha serie de cursos e no ano 2002, a xefa de estudos propúxolle realizar o máster propio que ofrecía o centro. Pese ao elevado prezo do mesmo, decidiu matricularse e tras cursar os dous cursos, recibiu o título do máster de lingua inglesa.

En canto a toda a polémica sobre o caso Cifuentes, Rodríguez Teso móstrase tallante afirmando que "soy de las que pienso que las cosas hay que demostrarlas" e “creo que nadie debe ponerse las medallas que no le tocan”. Considera que ninguén ten a necesidade de mentir sobre algo tan estúpido, e moito menos Cifuentes. A pesar de que non acusa a ninguén directamente xa que como ela mesma di, non quere prexulgar, opina que se verdadeiramente se demostrase que o escándalo é certo, debe dimitir inmediatamente.

Ademais considera que a Universidade Rey Juan Carlos, na cal Cifuentes 'cursou' o máster, queda en moi mal lugar ademais de restar credibilidade aos alumnos que decidan cursar os seus estudos nela, xa que calquera podería poñer en dúbida os seus títulos e logros.

Iván Puentes - PSOE

Unha rápida procura en Twitter coas palabras crave 'ivanpuentes' e 'máster' devólvenos como resultado o relato dun estudante angustiado. 

O concelleiro socialista cursou un máster en Investigación en Comunicación pola Universidade de Vigo como medio para realizar o seu doutoramento en Comunicación na mesma institución. O seu Traballo de Fin de Máster consistiu nunha análise do conflito polos dereitos audiovisuais no fútbol, un tema candente no ano 2012, cando finalizou devanditos estudos.

Pontes recalca que a súa defensa do traballo fíxose fronte a un tribunal en sesión pública, que este está depositado na UVigo e mesmo estivo dispoñible ao acceso público na biblioteca da universidade. Ademais, afirma ter asistido a todas as clases presenciais e entregado todos os traballos necesarios para superar as distintas materias que, destaca, están gardados en distintos discos duros do seu computador.

Sobre a polémica de Cifuentes o socialista destaca que, ademais da problemática moral, a presidenta da Comunidad de Madrid puxo en dúbida o prestixio da universidade pública, que se nutre do labor de miles de profesores que se dedican "en cuerpo y alma" ao seu traballo, ademais de alumnos que sacrifican o seu tempo e diñeiro para obter un título que "no podemos poner en cuestión por una persona que se ha saltado las normas y que afortunadamente se le ha cazado".