Que negocios están funcionando en Pontevedra?

Pontevedra
02 de abril 2020

Promoción Económica activará unha base de datos online para informar á cidadanía sobre os negocios que permanecen en funcionamento na cidade

Comercios pechados
Comercios pechados / Diego Torrado

A Concellería de Promoción Económica e Turismo está a traballar na elaboración dunha base de datos para informar aos cidadáns en tempo real dos diferentes negocios de Pontevedra que permanecen en funcionamento durante o estado de alarma motivado polo Covid-19.

A súa finalidade é a de proporcionar, a través das páxinas web do Concello e do proxecto Iniciativa Local de Emprego Social (www.proxectoiles.es), datos actualizados sobre os medios de contacto e os servizos que ofertan os establecementos, como o reparto de produtos a domicilio, facilitando deste xeito a realización das compras nestes días de confinamento.

Con tal motivo, o Servizo de Promoción Económica puxo a disposición dos negocios do concello de Pontevedra unha dirección de correo electrónico ([email protected]) á que deben remitir a seguinte información: email de contacto, nome comercial do establecemento, tipo de establecemento (a que se adica, que produtos ou servizos oferta...), se o local permanece aberto, o horario de atención ao publico, a posibilidade de efectuar compras a domicilio e as condicións deste servizo (compra mínima, distancia cuberta en quilómetros...).

"Tamén deberán indicar como se pode realizar un pedido nas súas tendas, facilitando datos como a súa páxina web, o seu teléfono de contacto, o seu whatsapp ou a súa dirección de Facebook", explica a concelleira Yoya Blanco.

Tal e como apunta a concelleira socialista, esta base de datos online será "en principio para informar sobre os locais de Pontevedra que permanecen activos durante o estado de alarma e sobre os servizos que ofrecen", pero "toda a información compilada empregarase máis adiante para crear un directorio de pequenas e medianas empresas (pymes)".

A súa idea é a de deseñar e poñer en marcha nun futuro "unha app de comercio local que funcione ao estilo doutras coñecidas plataformas, permitindo que os cidadáns poidan adquirir os seus produtos e artigos por internet".