Que impacto tería depositar 330.000 metros cúbicos de lodos entre a illa de Tambo e Campelo?

Pontevedra
06 de agosto 2017

A dragaxe do Lérez prevista polo ente Portos de Galicia superará os tres millóns de euros de orzamento e o ano de execución para retirar 330.000 metros cúbicos de lodos, area e sedimentos en toda a canle de navegación do río. Trátase dunha actuación ao longo de 4,3 quilómetros de lonxitude e máis de 264.000 metros cadrados do fondo da ría

Illa de Tambo na ría de Pontevedra
Illa de Tambo na ría de Pontevedra / Juan Mejuto

A dragaxe do Lérez prevista polo ente Portos de Galicia superará os tres millóns de euros de orzamento e o ano de execución para retirar 330.000 metros cúbicos de lodos, area e sedimentos en toda a canle de navegación do río. Trátase dunha actuación ao longo de 4,3 quilómetros de lonxitude e máis de 264.000 metros cadrados do fondo da ría.

Despois dunha década de xestións o proxecto xa conta con declaración de impacto ambiental, ademais de múltiples informes favorables, mesmo ten orzamento. Agora o problema é o lugar previsto pola Xunta para depositar os 330.000 metros cúbicos de lodos: o espazo comprendido entre o oeste da illa de Tambo e Campelo.

Segundo as agrupacións de navalleiros e bateeiros e as confrarías de Bueu e Portonovo o depósito destes lodos alterará de modo importante o ecosistema e acabará con navallas e mexillóns.

"Temos todas as liñas de diálogo abertas", insistiu o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, que quere "facer as obras desde o consenso".

A solución non parece tan complicada, aínda que si máis cara. Situar o punto de vertedura máis aló da illa de Ons como xa se fixo cos áridos procedentes da dragaxe do Porto de Marín. Esa é a postura que defenden todas as partes, menos a Xunta que propón a instalación de turbidímetros para medir a turbidez das augas e a repartición dos lodos, poñendo os de menor calidade nas zonas libres de marisqueo.