Que fan eses zapatos vermellos no Paseo de Baltar?

Sanxenxo
24 de novembro 2023

O alumnado do IES de Sanxenxo sacou este ano á rúa a actividade prevista para o 25-N con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Zapatos vermellos no Paseo de Baltar
Zapatos vermellos no Paseo de Baltar / Concello de Sanxenxo

O alumnado do IES de Sanxenxo sacou este ano á rúa a actividade prevista para o 25N, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. 

Co obxectivo de visibilizar ás vítimas e tomando como referencia a intervención artística ideada en 2009 pola artista mexicana Elena Chauvet, o alumnado encheu con máis dun centenar de zapatos vermellos de varios tipos e tallas, algúns infantís, o tramo final do Paseo de Baltar cun cartel explicativo.

"Trátase dunha actividade transversal do centro que busca unha reflexión e que simboliza a loita contra a violencia machista. Fomos recollendo zapatos no instituto e pintándoos de vermello nos tempos libres. Colaborou todo o centro e este é o resultado que agardamos se manteña durante toda a fin de semana", asegura Xosé Iglesias, profesor de lingua galega.

A concelleira de Educación, Nati Parada, acompañou á comunidade educativa na montaxe da exposición dos zapatos e entregoulles material promocional do CIM como agradecemento polo traballo.

A concelleira aproveitou para convidarlles a asistir o vindeiro sábado ao acto do 25N que terá lugar no Pazo de Emilia Pardo Bazán, ás 19 horas.

Durante o acto emitirase unha proxección fotográfica e musical contra a violencia de xénero na que participan de forma activa as asociacións de mulleres de Sanxenxo, o taller de memoria e a Banda de Música de Sanxenxo. 

A psicóloga e autora do libro “Que sexa amor do bo”, veciña de Dorrón, Marta Martínez Novoa, encargarase da lectura do manifesto. Durante o acto presentarase tamén o punto violeta do Concello de Sanxenxo. Repartirase material de sensibilización e prevención entre o público.

PAVILLÓN DE VILALONGA

Por outra banda, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o concelleiro de Obras e Servizos, Yago Torres, visitaron as obras de reforma do pavillón de Vilalonga e informaron que estes traballos avanzan a bo ritmo. 

Debido ao mal tempo rexistrado nas últimas semanas e as condicións do terreo, a actuación concentrouse no interior co pintado das cerchas, a colocación da nova varanda nas bancadas e as demolicións para a ampliación do ximnasio.