“Que esta pandemia non sirva para minorar os dereitos dos traballadores, senón para dignificalos”

Pontevedra
11 de febreiro 2021

Representantes sindicais de UGT e CCOO concentráronse este xoves diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para lembrarlle ao Goberno do Estado os seus compromisos electorais en materia laboral e esixir o cumprimento de medidas como a derrogación da reforma laboral e das pensións e a revalorización do SMI

Concentración de CCOO e UGT diante da Subdelegación do Goberno
Concentración de CCOO e UGT diante da Subdelegación do Goberno / Mónica Patxot

Representantes sindicais de UGT e CCOO concentráronse este xoves diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para lembrarlle ao Goberno do Estado os seus compromisos electorais en materia laboral e esixir o cumprimento de medidas como a derrogación da reforma laboral de 2012 e da reforma das pensións de 2013 e a revalorización do salario mínimo interprofesional (SMI) ata situalo no 60 % do salario medio.

"Agora si toca", pediron a través de carteis varias decenas de representantes sindicais, que se situaron con distancia de seguridade diante da sede do Goberno en Pontevedra. A mobilización, ademais, repetiuse á mesma hora en toda España e noutras cidades galegas como Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Ourense. 

Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, referiuse especificamente á situación derivada da pandemia da covid-19, pois no medio da crise actual "as situacións de desigualdade estanse agravando" e ponse de manifesto que os traballadores que están en primeira liña fronte á pandemia son, en boa medida, aqueles con menor cualificación e con maior risco de exclusión social, que agora "son os máis necesarios, imprescindibles". 

Son, por exemplo, as persoas que se adican aos coidados ou á axuda no fogar e traballadores e traballadoras de sectores nos que moitas veces carecen de convenio, teñen convenios pobres ou cobran o salario mínimo interprofesional. 

"Que esta pandemia non sirva para minorar os dereitos dos traballadores, senón para dignificalos", pediu Ramón Vidal, para insistir en que a crise actual "non pode limitar os acordos", senón que se ten que seguir garantindo que eses traballadores teñan unha intervención política e a nivel regulamentario para que a súa situación mude e queden protexidos. 

A situación pandémica, segundo Ramón Vidal, "non pode ser nunca unha escusa" para non levar a cabo todos os compromisos que foron recollidos nos programas electorais dos dous partidos que están nestes momentos no Goberno, PSOE e Unidas Podemos.  

O responsable comarcal de CCOO, José Ramón Piñeiro, insistiu en que esta mobilización a nivel nacional pretende denunciar que os dous partidos no goberno "se están esquecendo da clase traballadora" e dos compromisos adquiridos electoralmente, como o SMI ou as reformas laboral e das pensións e lembrar que "os compromisos están para cumprilos". 

Piñeiro insistiu en que, en caso de que estas reivindicacións non sexan escoitadas, desde os sindicatos activaranse outras medidas de protesta para que os compromisos do goberno se poñan en práctica. "Se se toma nota e se empeza a traballar como estaba previsto antes da pandemia", as mobilizacións rematarán.