"Que ben falan galego en Londres!", concluiu este xoves Laura, unha alumna de Quinto de Primaria do colexio de Santo André de Xeve, despois de contactar por videconferencia cos alumnos do centro Cañada Blanch da capital británica. Acababa de participar na sesión de presentación do programa 'Ponte a Londres!', unha iniciativa innovadora da concellaría de Normalización Lingüística de Pontevedra e os colexios de Xeve, Lérez e Campañó para dinamizar o uso da lingua galega.
Este xoves 33 alumnos de Primeiro e Sexto de Primaria do CEIP Lérez, 38 de Xeve e 13 de Campañó participaron nunha conexión a catro bandas cunha decena de escolares do colexio español Cañada Blanch, case todos eles fillos de galegos residentes en Londres que están a recibir clases de lingua galega. Puideron conversar e todos os alumnos do centro británico agás dous presentáronse ante os nenos galegos. Dous non puideron porque, segundo explicou o seu profesor, Pepe, "Charles e Bob son ingleses e só levan dous meses estudando galego". Pese a todo, acertaron a saudar cun "ola!" aos alumnos pontevedreses.
Lucas ten 12 anos, estuda Primeiro da ESO e os seus pais son andaluces, pero o seu avó era de O Irixo, de maneira que a familia quixo que en Londres estude galego. A nai de Samuel é de Canarias, pero o pai de Camariñas. Serafín, de 12 anos, é fillo dun galego e unha británica de Gales e explicou a través da pantalla de televisión que "levo estudando galego dende que son pequeño. Aquí no cole aprendemos o galego, o español e o francés".
Son só tres exemplos dos dez que falaron para facer unha pequena presentación da súa persoa aos compañeiros dos colexios pontevedreses. Despois de escoitar a todos eles, Quique, alumno de Sexto de Primaria de Xeve, concluiu que "son coma nós", pode que polo parecido que atoparon en que algúns rapaces de Londres, como José, son afeccionados do Celta de Vigo e outros, como Stanley, son "do Real Madrid e do Deportivo".
Tanto Quique como a súa compañeira Laura valoran esta primeira toma de contacto cos rapaces do Cañada Blanch "moi ben". Recoñecen que "non son como esperaba, nin por asomo" e xa están desexando empezar a traballar neste proxecto porque será positivo para "coñecer mellor o mundo e poder aprender a falar mellor o galego". "Que ben falan o galego! Eu non falo tan ben o inglés", conclúe Laura.
Na sesión de presentación, o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, visitou aos alumnos dos tres centros participantes no pograma e os responsables da empresa contratada para executar o programa dirixiron, xunto cos profesores dos colexios, dúas horas de traballo nas que se presentou a actividade a través dunha barquiña de papel; preparouse un xogo de preguntas e respostas sobre a cultura e a lingua galega; e os nenos puideron coñecer detalles do proxecto e a plataforma coa que traballarán ao longo dos vindeiros meses.