A empresa PreZero, xestora do Punto Limpo fixo do Concello de Pontevedra situado no Polígono do Campiño, rexistrou durante o ano 2024 un total de 139.121 quilos de residuos depositados por 2.364 usuarios empadroados no municipio.
A madeira encabeza a lista de materiais recollidos, con 36.529 quilos, o que representa o 26% do total. Os cascallos ocupan o segundo posto con 22.985 quilos, seguidos pola chatarra con 17.799 quilos.
Os aparatos electrónicos tamén tiveron unha presenza significativa: 575 televisores e monitores de tubos catódicos que sumaron 15.181 quilos, ademais de 1.933 pequenos electrodomésticos. Entre outros elementos voluminosos destacan os 272 sofás e 186 colchóns depositados.
As instalacións recibiron tamén residuos especiais como 922 unidades de CDs, 390 fluorescentes e bombillas, 252 botes de pinturas e disolventes, e 49 depósitos de aceite doméstico.
O servizo atendeu igualmente a recollida de materiais específicos como 43 radiografías, 37 baterías e 66 tóner de impresoras.
O novo contrato de xestión de residuos que se agarda que entre en vigor este verán contará cun punto limpo móbil para recoller residuos de pequeno tamaño como pilas, móbiles, elementos metálicos e aqueles obxectos non reciclables polo sistema de recollida selectiva nin tampouco no colector xeral.
O punto limpo fixo manterá o seu funcionamento co novo contrato nas actuais instalacións no Polígono do Campiño.
O seu horario actual é de martes a venres entre as 10:00 e as 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Os sábados o horario é matinal, de 9.00 a 13.00 horas.