As hostilidades entre os alcaldes socialistas de Vigo e Ponte Caldelas, a conta do transvasamento do Verdugo, chegaron este martes a un novo nivel. Abel Caballero esixiu a dimisión de Andrés Díaz como secretario provincial do PSdeG-PSOE. O rexedor caldelán, con todo, non se bota atrás e adianta que seguirá mobilizándose contra esta actuación.
Este cruzamento de declaracións parte do alcalde de Vigo que, como recolle o xornal Vigoé, censurou que un cargo socialista como Díaz se manifeste en contra de que 450.000 persoas da provincia teñan auga, algo que cualificou que "inmenso erro".
"Ou cambia de postura ou que dimita como secretario de Organización do PSOE", esixiu Caballero, que acusa a PP, BNG e mesmo os seus compañeiros socialistas de "atacar a Vigo impunemente", engadindo que el antepón a cidade de Vigo "a todo". De aí que reclame que os respectivos partidos "desautoricen" a quen acudiu á manifestación celebrada en Arcade.
Pero o alcalde de Ponte Caldelas considera "ridículas" as razóns polas que Caballero pide a súa dimisión. "Non entendo que ten que ver unha cousa coa outra, paréceme tan absurdo como se eu lle pido a el que dimita como presidente da FEMP", sinalou Andrés Díaz.
O alcalde de Ponte Caldelas subliña que non buscou nunca ningunha polémica co alcalde de Vigo, a quen pide reflexión e prudencia antes de continuar atacando a outros rexedores, invitándoo a buscar solucións "sensatas" para garantir o abastecemento de auga.
"Teño o máximo respecto e tamén unha gran admiración polo gran traballo que fixo e está a facer na cidade olívica, pero ao igual que el di que primeiro Vigo e despois Vigo, eu teño que dicir que primeiro Ponte Caldelas e despois Ponte Caldelas", sinala Díaz.
As dúas cidades, recorda o alcalde de Ponte Caldelas, "valemos o mesmo nos despachos e nos xulgados" e reitera que non se pode tramitar por emerxencia unha obra de planificación hidrolóxica ordinaria "coa única intención de saltarse pasos imprescindibles".
O alcalde caldelán volve reivindicar o seu dereito a defender o medio ambiente, a paisaxe e a dignidade da veciñanza de Ponte Caldelas que, unanimemente, está en contra dunha obra que considera unha "salvaxada ambiental" que se pretende tramitar "como nos tempos do franquismo".
"Hai 40 anos, na recta final do franquismo, masacrouse o río Oitavén e anegouse a aldea caldelá de Eiras, así que hoxe non imos tolerar que nos sequen o outro río, o Verdugo, que é o emblema e o sinal de identidade de Ponte Caldelas", afirma Andrés Díaz.
Andrés Díaz xa participou en dúas manifestacións contra o transvasamento celebradas, respectivamente, en Ponte Caldelas e Soutomaior e anuncia a súa vontade de incorporarse ás que se prevén para as próximas semanas e seguir adiante cos recursos que prepara o goberno municipal para frear este transvasamento nos xulgados.
O rexedor caldelán opina que se existe un problema de abastecemento na área urbana de Vigo en situacións extraordinarias de seca, a situación debe abordarse "con seriedade", facendo os estudos necesarios, valorando a optimización dos recursos xa existentes, reducindo as fugas na rede e implementando unha nova política da auga.