As colonias felinas están sendo obxecto dun estrito control en Soutomaior.
O Concello impulsa unha campaña na que nos vindeiros días agarda chegar aos 50 gatos esterilizados e, como complemento, o alcalde, Manu Lourenzo, fai público un chamamento aos veciños deste concello para que esterilicen os gatos domésticos, especialmente en zonas rurais, para evitar a proliferación de colonias felinas.
O alcalde fai esta chamada con motivo da campaña de control na que segue traballando o Concello, e que está a impulsar desde o inicio do mandato.
Ademais, informa de que, desde xuño, Soutomaior está adherido a un convenio co Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra, e desde hai meses mantéñense labores de localización, alimentación e xestión veterinaria e actualízase semanalmente o rexistro de colonias felinas existentes.
"Estas colonias eran unha situación preocupante desde hai anos e estábase volvendo incontrolada co risco de derivar en problemas ambientais ou sanitarios", sinalou a concelleira de Medio Rural, Charo Bouzón.
O alcalde sinala esa necesidade de que a poboación esterilice os seus gatos domésticos naqueles casos nos que aínda non o fixesen, especialmente nas zonas rurais, co obxectivo de que as colonias felinas non crezan aínda máis.
"Coa chegada da primavera aparecen camadas abandonadas preto de contedores de lixo, tal é como ven lamentando a veciñanza dende hai tempo. É unha situación que entre todas e todos temos que evitar", argumenta.
Desde o Concello tamén se agradeceu a colaboración de voluntariado entre a veciñanza para capturar estes animais, que posteriormente son trasladados ao CAAN, e unha vez esterilizados, recóllense e devolven ás colonias.