Ante a entrevista que manterá o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, os socialistas agardan que o rexedor "elixa o camiño correcto" e non frustre o "pactado con Costas" no marco da estratexia Pontevedra Flúe.
Este encontro, segundo o portavoz socialista, Iván Puentes, "amosa que o noso partido non mentía e que realmente existe unha incuestionable vontade de investir na nosa cidade", polo que confía en que o alcalde "exprese agora esa mesma vontade de colaboración" co Goberno.
Puentes celebra que, oito meses despois, Fernández Lores vaia ir a Madrid a explorar esta vía de investimento que, segundo detallou, recollería seis proxectos que o ministerio "ten vontade de executar e os cartos para poder facelo" para renaturalizar as marxes fluviais da cidade.
O socialista está convencido de que o resultado deste encontro dependerá moito "da vontade coa que se vaia", xa que "todos estamos de acordo en recuperar eses terreos, pero o problema está en que queremos facer neles e en como os queremos recuperar".
Ante esta situación, subliñou Iván Puentes, hai dúas vías. Unha, dixo, "leva encallando nas pedras vinte anos", que pasa pola desafectación de todos os terreos. A outra, defendida polo PSOE, é consensuar con Costas "que proxectos se fan e cales non se fan".
As actuacións contempladas na estratexia Pontevedra Flúe, defendeu o portavoz do PSdeG-PSOE, "non son ocorrencias do Concello", senón proxectos que "desde o primeiro momento foron consensuadas, faladas, pulidas e modificadas" de acordo con Costas.
De aí que Puentes insistira en que Lores "debe ir a Madrid con plantexamentos realistas e que xa están moi evolucionados dentro da estratexia Pontevedra Flúe".
"O máis importante é que se poida realizar este investimento histórico e, por iso, temos a nosa man absolutamente tendida ao goberno local e ao alcalde para facelo posible", sentenciou.
As actuacións deseñadas no anterior mandato, recordou o representante socialista, suman uns 25 millóns de euros, dos que 7,8 se destinarían á renaturalización das ribeiras do Lérez e outros 3,6 millóns a recuperar o primeiro treito da Xunqueira de Alba.
8,6 millóns irían á renovación das confluencias entre os ríos Rons e Lérez, 1,2 millóns á renaturalización da parte máis interior da marisma da Xunqueira, 2,5 millóns para a rexeneración integral da Xunqueira de Alba e uns 500.000 euros para a marxe fluvial de Ponte Sampaio.